16 xuñ 2014

O centro BTT Portas de Galicia organiza saídas guiadas para os afeccionados á bicicleta de montaña

Os interesados poden inscribirse nesta actividade que se desenvolverá ata o día 10 de agosto.

Este centro BTT conta con 245 quilómetros de pistas nos concellos ourensáns da Gudiña, A Mezquita, Riós, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Co obxectivo de que todos os afeccionados poidan coñecer o Centro BTT Portas de Galicia, pertencente á Rede BTT Galicia, o Club BTT Verín en colaboración coa Oficina Técnica dos Centros BTT Galicia, organizará unha serie de saídas guiadas ao longo dos meses de xuño, xullo e agosto. Sen custo algún para os participantes, serán tres as datas seleccionadas para coñecer algunhas das doce rutas que forman este Centro BTT que suman un total de 245 quilómetros sinalizados.

O Día 14, desde o Centro de Saúde de Riós , iniciouse a primeira ruta guiada que percorrereo a contorna deste municipio onde o castiñeiro é o gran protagonista. Unha ruta de 30 quilómetros, sen grandes desniveis acumulados e apto para ciclistas iniciados así como expertos.

O 19 de xullo, desde a praza do Concello de Vilariño de Conso partirá outra ruta guiada que ao longo do seu 29 quilómetros de percorrido permitirá visitar aldeas de gran beleza como Hedrada así como o Encoro do Vao. Unha ruta algo máis esixente que a de Riós pero apta para todos aqueles afeccionados cunha boa forma física e técnica sobre a bici.

Por último, o 10 de agosto e desde o Punto de Acollida da Casa da Viúva en A Gudiña , todos os afeccionados terán a oportunidade de realizar unha ruta que presentaría unha primeira alternativa de 34 quilómetros e unha segunda de 44 quilómetros.

Todos os participantes serán obsequiados cun agasallo. Así mesmo, todos aqueles afeccionados que desexen participar sós ou acompañados e precisen alugar material, poderano facer tanto no Punto de Acollida da Gudiña como no de Viana do Bolo.

Para inscribirse, hai que enviar un email ao correo: club@bttverin.com indicando o nome do participante, o seu DNI, un teléfono de contacto e a data na que quere asistir.

O centro BTT Portas de Galicia, xunto co Centro BTT O Salnés, conforma ata o de agora a Rede de centros BTT de Galicia, auspiciada pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, en colaboración cos concellos nos que radican as instalación.

Arriba