Partiu de Xénova a ruta mediterránea da Primeira Travesía Náutica Xacobea
Esta iniciativa pioneira rememora a peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e a Traslatio do Apóstol a Compostela e conta coa participación nesta ruta sur de 12 barcos e 62 persoas e percorrerá 1.542 millas náuticas en 14 etapas.
O 6 de xullo arrincará a Ruta Atlántica que dende Ribadeo percorrerá 210 millas náuticas. Esta segunda ruta contará coa participación de 35 barcos e 2 goletas con 175 persoas a bordo.
A ruta sur percorrerá 14 portos e espertou gran interese dada a elevada cifra de embarcacións inscritas para participar na singladura.
Xénova é o punto de partida da Primeira Travesía Náutica Xacobea que se enmarca nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Trátase dunha das grandes citas desta efeméride e está dividida en dúas rutas, unha Atlántica e outra Mediterránea que confluirán nas Rías Baixas e que aglutinan preto dun cento de barcos participantes ademais de dúas goletas de pasaxeiros.
A ruta rexistrou unha gran acollida tal e como se mostra coa elevada cifra de embarcacións, incluso houbo máis embarcacións interesadas que prazas dispoñibles, polo que tiveron que quedar fóra algúns participantes.
O porto italiano acolleu o pasado domingo, a saída desta Primeira Travesía que percorrerá durante os meses de xuño e xullo preto de 1.542 millas náuticas en 14 etapas. Pasará polos portos de Toulon (Francia), Palma de Mallorca, Torrevieja, Cartagena, Roquetas, Marbella y Cádiz (España), Portimao, Sines, Cascais, Figuiera da Foz, Porto (Portugal) para rematar en Galicia, onde confluirá coa ruta Atlántica. Un total de 12 barcos e 62 pasaxeiros participan nesta travesía pola ruta sur.
O vindeiro 6 de xullo será a data de saída dende Ribadeo para percorrer 210 millas náuticas. Nesta ruta concentraranse embarcacións procedentes de Irlanda, Inglaterra ou Francia. En total xa se rexistraron 35 barcos e 2 goletas con 175 pasaxeiros.
Está previsto que entre o 10 e o 12 de xullo os participantes en ambas rutas conflúan nas Rías Baixas, dende onde realizarán unha peregrinación pola Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla ata chegar a Compostela.
A Travesía Náutica Xacobea está organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (Asnauga), e constitúe unha das actividades centrais do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.
Dado que Galicia lidera o segmento de Q de Calidade Turística en instalacións náutico-deportivas en toda España, este será o criterio de selección das estacións náuticas escollidas para acoller as embarcacións da Peregrinación Náutica en Galicia.
A iniciativa contribúe á promoción da cultura, do patrimonio marítimo da comunidade e da protección do medio ambiente apoiando a posta en valor turística dos portos deportivos galegos; así como a difusión internacional da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla e mais de Galicia como destino turístico.