Ruta inaugural dos novos trens turísticos das rutas dos viños de Galicia incluídos no programa ‘Galicia a todo tren’
A directora de Turismo de Galicia participou neste primeiro percorrido do Tren O Ribeiro-Rías Baixas que inclúe a visita a adegas das Denominacións de Orixe Ribeiro e Rías Baixas, así como ao casco histórico de Ribadavia ou ao Castro de San Cibrao de Las, entre outros recursos.
Tras o éxito acadado na primeira edición deste programa pioneiro, co Tren dos Faros e o Tren dos Pazos e dos Xardíns de Galicia e mais o Galicia Rail Pass, as rutas incorporan cinco novos percorridos que permiten aos turistas coñecer os recursos enoturísticos máis singulares da Comunidade en tren.
Os viaxeiros teñen dende o pasado domingo unha nova posibilidade de coñecer os territorios vitivinícolas de Galicia a través da posta en marcha das cinco novas rutas turísticas en tren polas Rutas dos Viños da comunidade. O programa dos novos trens turísticos de Galicia ‘Galicia a todo tren’, un proxecto que comezou o ano pasado como un proxecto turístico pioneiro inclúe nesta segunda edición novos atractivos grazas á colaboración interinstitucional entre Renfe e a Xunta de Galicia e á cooperación da Deputación de Ourense que ven de integrarse no mesmo.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, realizou o percorrido inaugural deste novo tren que saíndo de Ourense, incluíu visitas á Bodega Marqués de Vizhoja e á Cooperativa O Ribeiro Viña Costeira, así como ao Centro de Interpretación do Liño e do Traxe e mais ao Centro de Interpretación do Automovilismo Galego. Ao tempo, os viaxeiros puideron percorrer o casco histórico de Ribadavia ata o Túnel do Viño, así como o Barrio Xudeu. Realizaron tamén unha visita ao Parque Arqueolóxico de San Cibrao de Lás.
En declaracións aos medios, a directora de Turismo de Galicia resaltou a combinación entre a enoloxía e o coñecemento dos principais recursos turísticos das zonas vitivinícolas de Galicia a través desta experiencia turística singular. Ao tempo, indicou que este ano en total haberá 7 rutas con variadas temáticas: a Ruta dos faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e mais cinco Trens Turísticos do Viño, que transcorrerán polos diferentes territorios das Denominacións de Orixe de Galicia –Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras-.
Así, os trens da Rutas dos Viños de Galicia dispoñen destes cinco itinerarios: O tren do viño das Rías Baixas; o tren do Viño da Ribeira Sacra; o tren do Viño de Monterrei; o tren dos Viños da Ribeira Sacra e Valdeorras e o tren do viño do Ribeiro e Rías Baixas. O prezo das rutas é de 40 euros para os adultos e de 10 euros para os nenos menores de 14 anos. Existen descontos para grupos e para familias numerosas.
Novidade paquetes combinados
Ao tempo, como novidade, inclúense nesta tempada os packs de fin de semana, nos que se combinan as rutas en tren coa pernoctación dunha noite nun hotel de Galicia, así como paquetes combinados de fin de semana dende outras cidades de España.
A estas rutas turísticas temáticas cómpre engadir a posibilidade de descubrir Galicia co Galicia Rail Pass, o Train and Breakfast Camiño de Santiago, o luxoso Al Andalus Camiño de Santiago e mais o Transcantábrico. As rutas estarán en funcionamento dende mediados de xullo ata finais de setembro.