Turismo de Galicia colabora coa exposición ‘España e Brasil, unidos pola mesma paixón’
Xogadores de fútbol brasileiros que pasaron por diferentes equipos galegos presentan a súa experiencia e transmiten a súa visión de Galicia achegándoa aos cidadáns de Brasil con motivo da celebración do Mundial de Fútbol.
As cidades de Sao Paulo, Curitiba e Río de Xaneiro no caso de que España pase á final, acollen este evento.
Djalminha, Fernando Baiano, Mauro Silva e Sylvinho, xogadores de fútbol brasileiros que militaron nas filas do Real Club Celta de Vigo e do Real Club Deportivo da Coruña, participan estes días, xunto a outros futbolistas de Brasil doutros equipos españois, na exposición España e Brasil, unidos pola mesma paixón, un evento organizado pola oficina de Turismo de España en Sao Paulo para a promoción turística do territorio español con motivo da celebración do Mundial de Fútbol.
Os xogadores brasileiros que pasaron por diferentes cidades españolas, entre elas A Coruña e Vigo presentan a súa experiencia e transmiten a súa visión de España para achegarlla aos cidadáns brasileiros.
No caso de Galicia, con entrevistas a grandes xogadores como Djalminha, Fernando Baiano, Mauro Silva e Sylvinho o público visitante poderá coñecer o estilo de vida galego e os lugares de referencia da comunidade galega.
Datas e lugares da exposición
A exposición España e Brasil, unidos pola mesma paixón, está aberta na sede do Instituto Cervantes da cidade de Sao Paulo e prolongarase ata o día 13 de xullo.
Este evento de promoción turística tamén se desenvolverá na cidade de Curitiba, no Centro Cultural Memorial de Curitiba.
No caso de que a Selección española se clasifique para a final do Mundial de fútbol que se celebra en Brasil, esta exposición tamén se levará á cidade de Río de Xaneiro.
Entre as entidades que colaboraron na organización deste evento está Turismo de Galicia, que ao longo dos últimos meses puxo en contacto aos clubs de fútbol galegos que contaron con xogadores brasileiros nas súas filas cos organizadores, ademais de achegar material de promoción para a difusión da comunidade galega en Brasil.
Ademais dos anteditos xogadores que pasaron por os equipo galegos máis salientables, participan neste evento Denílson, Edmilson, Ewerton, Edu Gaspar, Luis Fabiano, Ronaldo, Felipe Luís e Diego Ribas; que xogaron en equipos das comunidades autónomas de Andalucía, Aragón, Cataluña, Comunidade de Madrid e a Comunidade Valenciana.