23 xuñ 2014

Turismo de Galicia pon en marcha o tren turístico da Ruta dos Viños das Rías Baixas

Incluído no programa 'Galicia, a todo tren', partíu o pasado domingo de Santiago de Compostela ata Vigo, con visitas a adegas da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas, Vilagarcía de Arousa, Cambados e un cruceiro pola Ría de Vigo ata a Illa de San Simón.

Por segundo ano, a Xunta e Renfe ofrecen ao longo do verán un servizo de trens turísticos que pasou de dúas rutas –a Ruta dos Faros e a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos-, en 2013, ás sete de 2014 coa inclusión de cinco novas rutas turísticas en tren polas Rutas dos Viños de Galicia.

O tren turístico das Rías Baixas, antes da súa partida na estación de Santiago.

Galicia, a todo tren'. Este é o programa de trens turísticos de Galicia que pon en marcha este verán Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe, e que o pasado domingo iniciou a súa andaina nos territorios vinícolas das Rías Baixas co Tren da Ruta do Viño das Rías Baixas.

Este tren partiu domingo 22 de xuño ás 9.23 horas da estación de Santiago de Compostela e os viaxeiros chegaron a esta mesma estación ás 22.26 horas, logo de pasar a xornada na Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas e a Ría de Vigo.

Logo da partida, o tren dirixiuse cara a Vilagarcía de Arousa. Unha vez na estación, os viaxeiros trasladáronse en autobús ata unha adega, que visitaron e na que puideron participar nunha degustación de viños.

Máis tarde, viaxaron en autobús ata a vila de Cambados, onde puideron facer un percorrido por esta histórica vila mariñeira e ter outra degustación dos caldos da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.

Ría de Vigo
Tras a estadía en Cambados, os viaxeiros regresaron a Vilagarcía de Arousa para coller o tren turístico cara a Vigo, onde xantaron e fixeron un percorrido pola cidade.

Pola tarde, desde o porto de Vigo, os usuarios deste tren partiron nun pequeno cruceiro pola Ría ata a Illa de San Simón e, tras o regreso á cidade olívica, tomaron un tren regular cara a Santiago de Compostela dende a estación de Guixar.

Rutas dos Viños de Galicia
Este foi o primeiro tren turístico da Ruta do Viño Rías Baixas que se pon en marcha esta tempada dentro do programa 'Galicia, a todo tren', un programa que comezou o pasado día 14 de xuño coa posta en servizo do tren turístico dos faros, que circula entre Ferrol e Ribadeo.

Os trens turísticos de Galicia funcionarán entre os meses de xuño e setembro, en sete rutas distintas: Faros, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras-Ribeira Sacra, O Ribeiro-Rías Baixas e Pazos e Xardíns Históricos.

Ademais dos trens dos faros e Rías Baixas, que funcionan entre Ferrol e Ribadeo, e Santiago e Vigo, respectivamente; o tren da Ribeira Sacra percorre a liña ferroviaria entre Ourense e Monforte de Lemos; o tren de Monterrei, o treito entre Ourense e A Mezquita-Vilavella; o tren de Valdeorras-Ribeira Sacra, a liña entre Ourense e A Rúa-Petín; o tren do Ribeiro-Rías Baixas, a liña entre Ourense e Arbo; e o tren dos pazos e os Xardíns Históricos, o treito ferroviario entre Santiago e Vigo.

Pódese consultar o calendario dos trens turísticos de Galicia na páxina web de Turismo de Galicia así como na da compañía ferroviaria Renfe, onde tamén se pode reservar o billete.

O prezo dos billetes é de 40 euros para os adultos e 10 euros para os menores de 14 anos, para as viaxes dun día. Existen descontos para as fins de semana e traslados desde outras cidades.

Arriba