11 xul 2014

As dúas rutas da I Travesía Náutica Xacobea conflúen hoxe en Cabo de Cruz desde onde inician mañá a última etapa percorrendo a ruta do mar de Arousa e río Ulla ata Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, asistiu esta mañá á saída da ruta sur dende Club Náutico de Portonovo. No acto de saída estiveron presentes tamén o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González.

As embarcacións da Ruta Mediterránea e as da Ruta Atlántica percorreron esta semana as rías galegas e únense hoxe en Cabo de Cruz para realizar mañá sábado a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla en catamarán ata Padrón e camiñar a Santiago en conmemoración da Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago.


A Travesía Náutica Xacobea está impulsada pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco a Santiago

As embarcacións da Ruta Atlántica e as da Ruta Mediterránea da Travesía Náutica Xacobea recalarán hoxe na etapa final da peregrinación marítima chegando ao porto de Cabo de Cruz. Desde alí, os tripulantes realizarán as últimas etapas para a súa chegada a Padrón a través da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla.

As embarcacións que percorreron a ruta sur, desde Xénova ata Galicia saíron esta mañá do Club Náutico de Portonovo en dirección a Cabo de Cruz. No acto de saída estivo presente a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez. Ademais, asistiron o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán e a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González.

A Ruta Atlántica percorrerá durante esta xornada a distancia entre Ribeira e Cabo de Cruz, xa na Ría de Arousa, desde onde mañá sábado iniciarán xunto coas embarcacións da Ruta sur a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla coincidindo coa XXX edición do Remonte Anual Marítimo Fluvial conmemorativo da Traslatio Apostólica, organizado pola Fundación Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla. Realizarán a ruta en catamarán polo Ulla ata Padrón e dende alí o último tramo ata Santiago.

A Primeira Travesía Náutica Xacobea está organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Asnauga no marco das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

A Ruta Mediterránea percorrerá en total 1.542 millas en 14 etapas ao longo de case un mes de navegación. A ruta Atlántica percorrerá cerca de 210 millas náuticas en seis etapas: Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Portosín, Ribeira e Cabo da Cruz.

Turismo de Galicia organizou a travesía en colaboración con ASNAUGA (Asociación de Clubs Náuticos de Galicia) co obxecto de rememorar a Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago ata Galicia por mar, así como a propia peregrinación do santo de Asís, configurando unha viaxe única en Europa polas súas características.

Arriba