17 xul 2014

Máis de 6.000 persoas visitaron a mostra ‘Peregrino e novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago’ en menos dun mes

Obras de Zurbarán, El Greco e Salzillo poden visitarse dende o 20 de xuño na exposición que Turismo de Galicia abriu no Colexio de Fonseca e que se enmarca nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Compostela acolle a mostra ata o 24 de agosto e aglutina un conxunto de pezas relacionadas con San Francisco e a peregrinación a Santiago, comprendidas na súa maioría entre os séculos XII e XVIII, moitas delas da época do santo e outras que forman parte do seu legado histórico e espiritual.

Máis de 6.000 persoas visitaron xa a mostra Peregrino e novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago que abriu as súas portas o 20 de xuño e que está a rexistrar unha elevadísima afluencia de público. A exposición foi a encargada de abrir en Asís os actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela o pasado mes de agosto. Alí recibiu durante o seu período de apertura máis de 7.000 visitas. No Colexio de Fonseca rexistrou 6.000 entradas en menos dun mes.

A gran calidade das obras que compoñen a mostra, entre as que se atopan obras de Salzillo, El Greco ou Zurbarán poderá ser apreciada ata o día 24 de agosto neste proxecto expositivo que está concibido para visibilizar a herdanza franciscana que pervive en Compostela e que evoca o espírito peregrino das cidades de Santiago de Compostela e Asís. A exposición pode visitarse entre as 11 da mañá e as 14 horas e tamén entre as cinco e as nove da tarde.

El Greco, Zurbarán, Salzillo, Xosé Ferreiro ou Salvador Carmona
Os capítulos da mostra contan con obras de arte de primeiro nivel como cadros de El Greco e Zurbarán, esculturas de Salzillo, Xosé Ferreiro e Salvador Carmona. Pezas medievais da época do santo, procedentes de Inglaterra, Francia, Italia, Terra Santa, Al Andalus e Galicia completan a exposición. Son obras de escultura, ourivería, restos de arquitecturas, telas, instrumentos musicais, relicarios, incunables das bibliotecas franciscanas. Algúns exemplos das obras que se poden visitar son un Códice de finais do século XIII- comezos do XIV da Biblioteca do Seminario de Mondoñedo; unha arqueta de Santa Valeria, do obradoiro de Limoges; o cadro de Francisco Zurbarán, San Francisco en Oración. Así como San Francisco e o Irmán León meditando sobre a morte, unha obra de El Greco que se conserva na Fundación do Colexio Nosa Señora da Antigua de Monforte de Lemos. Así como unha virxe co neno e San Francisco, procedente da Porta de San Rufino de Asís, da Pinacoteca Comunale, Palazzo Vallemani, entre outras pezas.

Trátase dun conxunto de pezas relacionadas con San Francisco e a peregrinación a Santiago, comprendidas na súa maioría entre os séculos XII e XVIII, moitas delas da época do santo e outras que forman parte do seu legado histórico e espiritual. Con motivo da mostra editouse ademais un catálogo da mesma. A publicación, de alto valor científico e divulgativo, inclúe nas súas máis de 600 páxinas textos de especialistas de recoñecido prestixio.

As mensaxes da exposición
O legado franciscano no camiño de Santiago, tanto nas localidades da ruta como na propia Compostela, así como a súa contribución ao reforzo da infraestrutura da hospitalidade e ao sentido da peregrinación espiritual occidental son as mensaxes que se transmiten con este proxecto expositivo.

A exposición Peregrino e novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago articúlase nunha serie de capítulos, a través dos que se evoca a memoria do Santo; a imaxe do mundo na época de San Francisco –Occidente, o Islam e Terra Santa-, a busca da transcendencia que leva a peregrinar a Compostela, a presenza das ordes mendicantes no Camiño de Santiago e o legado franciscano nas cidades da Ruta a Compostela.

Arriba