29 xul 2014

Dez mil persoas visitaron ‘On the Road’, a gran exposición do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, dende a súa apertura hai un mes

Os visitantes que completaron o número 10.000 que entraron no Pazo de Xelmírez, unha das tres sedes da mostra, para ver a exposición foron agasallados cun catálogo da mostra.

A exposición que Turismo de Galicia abriu o pasado 27 de xuño enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e permanecerá aberta ata finais de novembro.

No que vai de ano rexistráronse na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago máis de 116 mil peregrinos, un 8,57% máis que no mesmo período do 2013.

Unha compostelá residente en Nova York e os seus tres fillos que están en Galicia para pasar as vacacións de verán recolleron o tícket 10.000 da exposición On the Road, a gran mostra conmemorativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. A visitante 10.000, que se chama Paula Santiago, foi agasallada cun catálogo da mostra On the Road. A gran mostra do centenario abriu as súas portas hai un mes e está a rexistrar unha gran afluencia de público.

A exposición conta coa participación de 35 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel e sitúase no Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, así como en espazos urbanos emblemáticos da cidade que son os escenarios da mostra estrela do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís que se inaugurou a finais de xuño.

O gran proxecto expositivo aglutina a creación dalgúns dos artistas contemporáneos máis influentes do momento no panorama nacional e internacional e que xira arredor da idea do Camiño de Santiago percorrido polo santo de Asís e do concepto de camiñar.


O VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago é un acontecemento que conta coa declaración de Especial Interese Público e se celebra en Galicia desde mediados de 2013 ata mediados de 2015. Algúns dos eventos máis destacados enmarcados nesta conmemoración, ademais da mostra On the Road son a Primeira Travesía Náutica Xacobea, a exposición Peregrino e Novo Apóstol. San Francisco no Camiño de Santiago que pode verse tamén este verán no compostelán Colexio de Fonseca ou o I Congreso Internacional de Peregrinacións e o I Cumio de Asociacións de Amigos do Camiño, que se celebrarán en Santiago en setembro de 2014 e maio de 2015, respectivamente.


On the Road deixará como legado do centenario para Galicia e para a cidade de Santiago a rehabilitación dun espazo único no mundo, o Pazo de Xelmírez, para o seu uso cultural, de modo que para acoller On the Road, Turismo de Galicia levou adiante no Pazo de Xelmírez unha gran obra de rehabilitación e acondicionamento para o que se asinou un acordo entre a Administración autonómica e a Fundación Catedral de Santiago.


‘Francis Alÿs; Giovanni Anselmo; Jorge Barbi; Lothar Baumgarten; Joseph Beuys; Alighiero Boetti; Christian Boltanski; Marcel Broodthaers; John Cage; Mircea Cantor; Janet Cardiff & George Bures Miller; Tacita Dean; Jimmie Durham; Guillermo Faivovich & Nicolás Goldberg; Félix González-Torres; João Maria Gusmão & Pedro Paiva; Roni Horn; Annika Kahrs; Amar Kanwar; Yves Klein; Jannis Kounellis; Antón Lamazares; Richard Long; Aníbal López; Piero Manzoni; Anthony McCall; Mario Merz; Nam June Paik; Giuseppe Penone; Perejaume; Caio Reisewitz; Robert Smithson; Antoni Tàpies; Lawrence Weiner e Franz West son os artistas que participan na exposición. Doce destes artistas crearon obras específicas para exhibirse en Santiago de Compostela.

Máis de 16 mil peregrinos no que vai de ano
A Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela rexistrou no que vai de ano un total de 116.774 peregrinos, dos que o 55,18% proceden do estranxeiro. Nas mesmas datas do ano pasado recolleran a Compostela un total de 107.556 peregrinos, o que implica que no que vai de ano a cifra de peregrinos aumentou un 8,57 %.

Arriba