29 xul 2014

As praias de Galicia protagonizarán os cupóns diarios da ONCE no mes de agosto

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan presentaron hoxe esta iniciativa que difundirá a imaxe de Galicia a través de 82,5 millóns de cupóns durante o vindeiro mes.


En total serán 15 cupóns con outros tantos areais e distribuiranse de luns a xoves, agás o día 7 que hai sorteo extraordinario.

A directora de Turismo resaltou a potencialidade das praias e da costa galega para crear produtos turísticos desestacionalizadores e para protagonizar experiencias turísticas innovadoras como o Tren Turístico dos Faros de Galicia.

Nava Castro incidiu no feito de que Galicia conta co 12% do seu territorio protexido e aposta pola sustentabilidade e polo respecto aos recursos endóxenos como un valor de futuro e como un elemento de progreso do sector turístico.

A Cidade da Cultura acolleu hoxe a presentación dos cupóns da ONCE para o mes de agosto que terán como protagonistas os areais galegos. Así, entre os días 4 e 28 de agosto, do luns ao xoves de cada semana –agás o día 7 que hai sorteo extraordinario, un total de 82,5 millóns de cupóns distribuiranse coa imaxe de 15 areais galegos.

Os areais protagonistas das fotografías que ilustran os cupóns son as praias da Frouxeira, en Valdoviño; Area Longa en Louro, Muros; Carnota; a Illa de Sálvora,en Ribeira; a Langosteira, en Fisterra; Riazor, na Coruña; As Catedrais, en Ribadeo; Lago, en Xove; San Román, no Vicedo; A Lanzada, no Grove e Sanxenxo; Barbeira, en Baiona; Melide-Illa de Ons, en Bueu; o Terrón, en Vilanova de Arousa; Rodas-Illas Cíes e Illas Cíes, en Vigo. Segundo explicou a directora de Turismo, “serán as imaxes dos cupóns da ONCE e convidarán a todos aqueles que proben sorte nos sorteos a coñecer un pouco máis os magníficos areais galegos e a gran oferta turística, cultural, patrimonial, natural e gastronómica que rodea a costa de Galicia”.

Nava Castro resaltou tamén que Galicia conta con 1.659 quilómetros de costa e con 863 praias. “Somos a Comunidade líder en Bandeiras Azuis nas nosas praias, un distintivo que premia a calidade e o respecto medioambiental”, dixo. Galicia ten 123 Bandeiras Azuis e 19 instalacións náutico deportivas con este distintivo ambiental, ademais, é a Comunidade líder en Sendeiros Azuis, con 15 dos 46 existentes.

“Galicia conta 129 portos con actividade pesqueira e 39 instalacións náutico deportivas con más de 13 mil prazas son parte dos nosos atributos como destino e configuran unha oferta turística con gran potencialidade desestacionalizadora”, explicou a directora de Turismo. Que tamén recalcou que Galicia é a Comunidade líder do Estado en termalismo e contamos co maior número de distintivos de calidade, despois de Andalucía, liderando a nivel nacional a cifra de distintivos en segmentos como o turismo termal, rural, activo, as instalación náutico-deportivas, o turismo industrial e o lecer nocturno.

Segundo matizou, a comunidade galega conta cun destino Quality Coast e 5 destinos SICTED. “Co 12% do noso territorio protexido Galicia aposta pola sustentabilidade e polo respecto aos recursos endóxenos como un valor de futuro e como un elemento de progreso do noso sector turístico”, dixo.

As praias no Plan Integral de Turismo de Galicia
A directora de Turismo incidiu tamén en que o Plan Integral de Turismo debuxa na súa segunda liña estratéxica unha oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos a través de acción como a diversificación da oferta turística das praias. E sinalou que Turismo de Galicia aposta pola mellora das infraestruturas das praias e pola posta en marcha de programas de actividades deportivas e culturais sustentables co medio. “Ademais promovemos apoios para a mellora da accesibilidade aos areais de Galicia”, matizou.

De igual maneira explicou que Turismo traballa na creación e promoción do Club de Produto Turístico da Auga de Galicia porque –dixo- entendemos a auga como un dos elementos endóxenos máis auténticos e diferenciadores de Galicia sobre o que artellar numerosas experiencias turísticas. E tamén destacou que Turismo de Galicia traballa tamén no desenvolvemento de produtos turísticos especializados dirixidos a segmentos de público específico e nesa liña de acción inclúese o apoio para a obtención do galardón internacional Bandeira Azul concedido pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor. O obxectivo é o posicionamento de Galicia como destino de turismo náutico de calidade turística e ambiental.

De igual modo, a directora de Turismo de Galicia explicou que o seu departamento incidirá a través deste plan na diversificación da oferta turística das praias a través da realización de actividades deportivas e culturais. Segundo dixo, as praias son tamén “un recurso de primeira orde á hora de deseñar produtos turísticos”. Explicou que Turismo impulsa a dinamización dos produtos cabeceira da marca Galicia, entre os que se atopan os Faros e praias salvaxes. Tamén a través do produto turístico Tren da Ruta dos Faros de Galicia, unha colaboración entre Turismo de Galicia e Renfe no programa Galicia a todo tren que está a resultar un gran éxito de público e que se pon en marcha por segundo ano consecutivo, conséguese dar a coñecer dun xeito totalmente novidoso os recursos asociados aos faros e ás praias de Galicia e os recursos culturais e patrimoniais do territorio galego.

Adquisición dos cupóns
Os cupóns da ONCE véndense por 1,5 euros e ofrecen 55 premios de 35.000 euros ás cinco cifras. Comercialízanse a través dos 20.000 axentes vendedores e tamén a través da Terminal Punto de Venta o cliente pode elixir o número. Pódense mercar tamén na web oficial de xogo da ONCE www.juegosonce.es nova venta.

Arriba