12 ago 2014

‘Cami´ e ´Xaco´ son as novas mascotas peregrinas da Volta Ciclista a España 2014

A directora de Turismo de Galicia xunto co director xeral de Unipublic presentaron a nova mascota peregrina da volta ciclista a España 2014.

A Volta situará o podio na praza do Obradoiro coincidindo coa conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

A directora de Turismo de Galicia salientou que tanto o Camiño de Santiago como a Volta Ciclista son unha oportunidade para a internacionalización do destino turístico galego.

Esta mañá a directora de Turismo de Galicia, Mª Nava Castro Domínguez, e o director xeral de Unipublic, Javier Guillén, presentaron na Cidade da Cultura a nova mascota peregrina da edición número 69 da Volta Ciclista a España.

“Xaco” e “Cami” son os nomes elixidos para estes dous peregrinos que estarán moi presentes na volta ciclista deste ano, principalmente nas etapas que atravesen algunha provincia pola que transcorra a Ruta Xacobea tal e como aseverou Nava Castro. O director xeral de Unipublic engadiu que esta nova mascota peregrina acercará o público infantil tanto ao Camiño coma á Volta Ciclista.

A directora de Turismo destacou que o Camiño de Santiago e a Volta Ciclista comparten numerosos valores coma a deportividade, o respecto, o reto persoal, o triunfo, o sacrificio e a perseveranza. Ademais Castro explicou que teñen moito mais en común dado que o Camiño de Santiago é un potente elemento deportivo-cultural que encadea a persoas de diferente sexo, idade e nacionalidade e pola súa parte a Volta Ciclista tamén é seguida por numerosos simpatizantes do mundo deportivo sen importar o seu perfil. Convértense así, en dous produtos aptos para calquera tipo de público sen excepción algunha. Javier Guillén engadiu que os dous inician un camiño, os dous teñen un obxectivo e os dous teñen diferentes etapas para chegar a meta.

Durante a súa intervención, Nava Castro aproveitou para lembrar que Galicia albergou no pasado ano unha das saídas máis espectaculares da historia da Volta Ciclista grazas á batea situada en Vilanova de Arousa. A Volta, dixo, “foi o mellor escaparate deportivo, cultural e económico nos cinco días que transcorreu pola nosa Comunidade grazas ás retransmisións deportivas que encheron as pantallas de varios países do mundo”.

“Nesta nova edición quérese repetir e incluso superar o éxito alcanzado na pasada edición”, segundo manifestou a directora de Turismo. A novidade deste ano é a última etapa cunha contrarreloxo individual entre a Cidade da Cultura e a Praza do Obradoiro, onde se situará o podio da Volta Ciclista. A última vez que o podio non estivo en Madrid foi no Ano Santo de 1993 e a cidade elixida nesa ocasión tamén fora Santiago de Compostela. Tal e como comentou Nava Castro “a Volta volve estar intrinsecamente vinculada a Galicia e ao Camiño de Santiago” con motivo da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

O director xeral de Unipublic recalcou que realizar traballos en Galicia é unha tremenda satisfacción xa que esta comunidade aproveita de maneira frutífera o paso da Volta.

Etapas da Volta Ciclista a España 2014

A Volta Ciclista a España ´Provincia de Cádiz – Santiago de Compostela. O Final do Camiño´ terá 5 etapas en Galicia, dende a etapa 17 ata a 21. A primeira etapa será a que vai de Ortigueira ata A Coruña. En total, 174 quilómetros da etapa 17 do percorrido. A etapa 18 comeza na Estrada e finaliza no Monte Castrove. Constará de 173,5 km. A seguinte etapa, a número 19, empeza en Salvaterra do Miño e remata en Cangas do Morrazo tras percorrer 176,5 km. Xa a etapa número 20 percorrerá 163,8 km entre Santo Estevo de Ribas de Sil e o Porto de Ancares. A Volta concluirá en Santiago de Compostela.

 

Arriba