18 ago 2014

“…E para comer Lugo” estará nos avituallamentos de La Vuelta 2014

La Vuelta 2014 contará nas súas 21 etapas cun stand na zona vip da APEHL que realizará promoción e degustación de produtos gastronómicos baixo o slogan ‘E para comer, Lugo’.

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo acolleu a presentación de “...E para comer Lugo” nos avituallamentos de La Vuelta Ciclista a España 2014. No acto de presentación interviñeron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o director de La Vuelta, Javier Guillén, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias e mais o presidente da Asociación Provincial de Hostelería de Lugo, José Francisco Real.

A proba deportiva conta con 5 etapas en territorio galego nesta 69 edición coñecida como ´Provincia de Cádiz-Santiago de Compostela. O Final do Camiño´ e a etapa Santo Estevo de Ribas de Sil – Porto de Ancares consta de 163,8 quilómetros, unha xornada que segundo destacou a directora de Turismo de Galicia, “entraña a cara máis senlleira da nosa Comunidade”. Esta penúltima etapa da proba discorrerá por lugares tan interesantes como Monforte de Lemos, Sarria, Becerreá, Navia de Suarna ata chegar ao porto dos Ancares.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, en La Vuelta promoveranse diversos produtos gastronómicos con indicacións ou distintivos de calidade de Galicia. A nosa comunidade conta con máis de 20 produtos con algún distintivo europeo de calidade. Viños, queixos, carnes, pescados, verduras ou hortalizas entre outros constituirán os produtos gastronómicos localizados no posto de APEHL situado na zona vip de saída de cada unha das 21 etapas.

Do mesmo xeito, a directora de Turismo de Galicia aproveitou para incidir en que esta edición de La Vuelta Ciclista estará estreitamente ligada ao Camiño de Santiago coincidindo co VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. A praza do Obradoiro será o lugar onde se situará o podio da final e “Cami” e “Xaco” serán as mascotas peregrinas que estarán presentes principalmente nas etapas que atravesen algunha provincia pola que transcorra a Ruta Xacobea.

Arriba