Turismo de Galicia convoca 23 bolsas para cursar estudos no centro superior de Hostelería de Galicia
As axudas para os estudantes serán de tres tipos: de matrícula, de excelencia e de alto rendemento.
Poderán cubrir o 80% ou o 50% da matrícula en réxime externo.
O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución de Turismo de Galicia pola que se convocan bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) para o curso 2014/2015.
Estas axudas económicas para estudantes, un total de 23, poderán ser de tres tipos: bolsas de matrícula, excelencia e alto rendemento, para os alumnos que cursen as titulacións que imparte o CSHG relativas a xestión hoteleira e xestión en cociña.
Polo que respecta á contía das bolsas, estas poderán acadar o 80%, tipo I, ou 50%, tipo II, da matrícula en réxime externo neste centro de estudos dependente da Xunta de Galicia
Bolsas de matrícula
Turismo de Galicia convoca 15 bolsas de matrícula, das que 4 serán de tipo I para o 1º Curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira, 6 bolsas de tipo II para o 1º Curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira; 2 bolsas de tipo II para o 1º Curso de Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña; e 3 bolsas de tipo II para o 4º Curso Superior en Xestión Hoteleira.
Polo que respecta ás axudas de excelencia, Turismo de Galicia convocou 4 bolsas de tipo I para o 1º Curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira.
Ademais, os estudantes poderán acceder a 2 bolsas de alto rendemento de tipo II para o 2º Curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira, e outras dúas do mesmo tipo para o 3º Curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira.
Solicitantes
Poderán solicitar estas axudas os alumnos de nacionalidade española que teñan feita a reserva de praza para o vindeiro curso académico nalgunha das titulacións do CSHG e non estean en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior.
Ademais, deberán matricularse por primeira vez no curso para o que se solicita a axuda, non ter en vigor ningunha axuda ou exención do CSHG e optar só por un tipo de bolsa.
Para as bolsas de 1º Curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira, os solicitantes deberán acreditar a proba de acceso á Universidade ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da fase específica, unha cualificación igual ou superior a 5 puntos antes de que remate o prazo de solicitude das axudas.
Para as bolsas de Certificado de Elaboración e Xestión e Cociña, os solicitantes deberán acreditar er superado o Bacharelato ou equivalente, ciclo formativo superior ou outras ensinanzas superiores.
Para as bolsas de 4º Curso de Diploma Superior é necesario estar matriculado en 3º Curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira e superar o curso –a excepción do stage- na 1ª convocatoria.
Ás axudas de excelencia poderán optar os alumnos que acrediten a lo menos un 8 na proba de acceso á Universidade, con exclusión da cualificación da fase específica.
Por último, para ter acceso ás axudas de alto rendemento será preciso estar matriculado en 1º ou 2º curso de Diploma en Xestión Hoteleira e superar o curso cunha nota media en 1º convocatoria igual ou superior nun 20% á nota media da 1ª convocatoria do seu curso.
Nas bolsas de matrícula, as catro primeiras puntuacións de Diploma Superior levarán axudas de tipo I e as seguintes de tipo II.
O prazo para presentar as solicitudes remata dentro dun mes e estas deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica no enderezo https://sede.xunta.es ou en formato papel en calquera dos rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Para as dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facerse consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es. Se as dúbidas están relacionadas coa convocatoria, poderán facerse as consultas no enderezo electrónico Info@cshg.es.
A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada polas persoas titulares da Xerencia da Axencia Turismo de Galicia, e o Centro Superior de Hostelería de Galicia, como presidente e secretario, respectivamente; e como vogais estarán as persoas titulares dos departamentos de Coordinación Académica, e Mercadotecnia do CSHG, así como un asesor/a de Turismo de Galicia.