26 ago 2014

Nava Castro salienta a unión entre peregrinos e ciclistas no final da Volta Ciclista a España en Santiago

Hoxe presentou en Compostela os actos do día do remate desta proba deportiva que “contribuirán a difundir a imaxe de Santiago e de Galicia a nivel internacional”, grazas á grande repercusión internacional deste evento deportivo.

A directora de Turismo de Galicia anunciou “unha gran festa para todos os participantes, seguidores, peregrinos, turistas e cidadáns” xa que terán lugar na praza do Obradoiro un concerto de Russian Red e espectáculos audiovisuais e de arte dixital nos que a comunidade galega será a gran protagonista.

Durante a fin de semana celebrarase ademais o Parque Volta na Carballeira de Santa Susana.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que hoxe presentou xunto ao alcalde de Santiago, Agustín Hernández, os actos do remate da 69 edición da Volta Ciclista a España en Compostela, salientou a unión entre peregrinos e ciclistas no final do Camiño, “onde o triunfo e a superación serán valores que imperen na culminación do percorrido”.

Nava Castro manifestou que “por un só día, os peregrinos compartirán a meta do Camiño de Santiago con outros triunfadores” e, para festexar este acontecemento tan senlleiro, “temos preparado un evento dun final de Volta moi especial na propia Praza do Obradoiro”.

Segundo anunciou a directora de Turismo de Galicia, neste evento terán un protagonismo moi especial as mascotas peregrinas da Volta, Cami e Xaco, e haberá “festa para todos os participantes, seguidores, peregrinos, turistas e cidadáns”, en definitiva –engadiu- “para todos aqueles que queiran celebrar con nós o final da 69 edición da Volta Ciclista a España Provincia de Cádiz-Santiago de Compostela. O Final do Camiño”.

Para Nava Castro, con esta gran final, Galicia repetirá o seu grande protagonismo “despois de que na pasada edición sorprenderamos a todos os afeccionados e espectadores do ciclismo coa organización da saída dende unha batea”

Parque Vuelta na Carballeira de Santa Susana e a Volta Junior
Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, ademais dos actos que terán lugar na Praza do Obradoiro, salientou a celebración o sábado pola tarde e o domingo pola mañá do Parque Volta, un espazo promocional da Volta, onde os patrocinadores oficiais ofrecerán xogos, concursos e actividades lúdicas e deportivas para toda a familia. Ademais no parque da carballeira de Santa Susana tamén se instalará unha pantalla xigante para todos aqueles que queiran ver a etapa da Volta.

O 14 de setembro tamén se celebrará a Vuelta Junior, que dará comezo ás 16:30 horas e na que participarán máis de cen rapaces seleccionados polo Consello Xeral de Deportes en colaboración coas institucións. A saída será dende a Avda. de Xoán XXIII e a chegada estará situada na Praza do Obradoiro. En concreto os nenos de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos poderán recorrer o último quilómetro da Volta, cruzar por debaixo da liña de meta e subir o podio onde se lles fará entrega dun maillot aos gañadores de cada categoría.

Finalizada a carreira estes participantes terán acceso á zona VIP de A Volta Junior onde poderán gozar de diversas animacións ata que cheguen os ciclistas profesionais.

A Volta Junior celebrarase en once cidades españolas, das que tres serán galegas: Cangas do Morrazo, A Coruña e Santiago de Compostela.

‘Galicia: Camiño e meta’ e concerto de Russian Red
A directora de Turismo de Galicia referiuse tamén aos espectáculos para todos os públicos que terán lugar o domingo na Praza do Obradoiro, como os efectos de `mapping´ sobre a fachada do pazo de Raxoi, e `Galicia: Camiño e meta´ que terá como contido a riqueza da comunidade galega, nunha montaxe envolvente de imaxe, luz e son.

“ As cidades, aldeas, paisaxes e monumentos..–manifestou Nava Castro- a Galicia verde de pastos, montes e bosques e a azul de cantís, rías e fondos mariño, a Galicia histórica, de tradición e memoria, e a innovadora, aberta ao mundo a través dos seus portos, todo o conxunto de Galicia será protagonista deste espectáculo cativador, sorprendente e sobre todo ameno e divertido”.

E para que todos os que así o desexen poidan gozar da arte dixital de `Galicia: Camiño e meta´, haberá pases cada 20 minutos dende as 21.30 horas. Segundo Nava Castro, o resultado será unha exhibición rica en sensacións visuais e auditivas “que contribuirá a difundir a imaxe de Santiago de Compostela e de Galicia a nivel internacional gracias á grande repercusión mediática que ten a Volta Cilclista”.

O espectáculo rematará co concerto de Russian Red ás 22:15 horas. Segundo dixo Nava Castro é “unha das artistas máis significativas do panorama español con diversos galardóns que así o testemuñan, tal como o premio MTV European Music Awards ao mellor artista español”.

Nava Castro lembrou que a líder de Russian Red, Lourdes Hernández, fará un alto no camiño da súa xira internacional para “deleitarnos durante 70 minutos coa súa voz que transmite e emociona con temas dos seus primeiros discos como I love your glasses ou Fuerteventura, mesturados con cancións do seu novo álbum Agent Cooper”.

Mascotas peregrinas e Camiño de Santiago
Durante a súa intervención na presentación dos actos do remate da Volta Ciclista a España en Compostela, Nava Castro lembrou que a maioría das etapas desta proba atravesan algunha provincia pola que transcorre o Camiño de Santiago e “de aí que Cami e Xaco, as mascotas peregrinas ataviadas coa indumentaria do camiñante, sexan os acompañantes dos gañadores destas etapas”.

E, como exemplo desas etapas que converxen co Camiño de Santiago, puxo os cinco itinerarios da Volta que percorren Galicia.

Así, a etapa Ortigueira-A Coruña percorrerá territorios do Camiño Inglés, a etapa A Estrada-Monte Castrove e a seguinte etapa de Salvaterra do Miño-Cangas do Morrazo mostrarán o Camiño Portugués; o itinerario Santo Estevo de Ribas de Sil-Os Ancares transcorrerá por zonas que comparte co Camiño Francés; e a contrarreloxo individual de 10 quilómetros entre a Cidade da Cultura e a Praza do Obradoiro, a fin do Camiño.

A directora de Turismo de Galicia referiuse tamén á relación entre Galicia, o Camiño de Santiago e a Volta Ciclista a España coa conmemoración do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e ao acontecemento que supón que, por primeira vez dende hai 21 anos, esta proba deportiva non remate en Madrid e “mude o seu final a Santiago de Compostela, sendo unha homenaxe única ao espírito de meta da peregrinación desta cidade”.

Arriba