27 ago 2014

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visita as instalacións do centro BTT O Salnés

Esta foi a primeira instalación da Rede de Centros BTT Galicia, na que os afeccionados ás bicicleta de montaña contan con dez rutas de distinta dificultade e máis de 100 quilómetros de percorrido.

Nava Castro salienta a campaña de visitas guiadas que se desenvolveu este verán nesta instalación e no Centro BTT Portas de Galicia, así como a promoción pola que se distribuirán gratuitamente 1.500 bidóns de hidratación aos visitantes que se acheguen aos dous centros.

A directora de Turismo de Galicia anunciou a pronta posta en servizo do Centro BTT Serra do Xurés.

Visita ás instalación do Centro BTT O Salnés.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe o Centro BTT O Salnés, a primeira instalación para a práctica da bicicleta de montaña incluída na Rede de Centros BTT de Galicia, promovida por Turismo de Galicia e os concellos da comunidade autónoma.

Na súa visita a Meis, sede do Punto de Acollida do BTT O Salnés, Nava Castro dixo que, desde a Xunta de Galicia, “apostamos por desenvolver o turismo dun xeito sostible, e para iso aproveitamos as oportunidades que nos brinda a grande diversidade da nosa comunidade”. E así, manifestou, “con esta premisa estamos desenvolvendo o proxecto Centro BTT Galicia, uns circuítos deseñados especificamente para o uso da bicicleta de montaña”.

Segundo dixo a directora de Turismo de Galicia, estes circuítos dan resposta á demanda do turismo experiencial “ao tempo que se presentan os recursos naturais, patrimoniais e ambientais”.

Ademais, Nava Castro lembrou que a primeira motivación pola que turistas e viaxeiros elixen Galicia é a natureza, e se a isto lle sumamos a práctica deportiva asociada ao turismo, “enriquécese a experiencia dos que nos visitan e axuda a coñecer de preto algunhas das paisaxes máis espectaculares do destino”.

Centro BTT O Salnés
A directora de Turismo de Galicia precisou que o Centro BTT O Salnés foi o primeiro da Rede de Centros BTT Galicia e que, tras tres anos de actividade, os usuarios manifestan un alto grao de satisfacción e interese por el.

Neste centro facilítanselles a aquelas persoas amantes da bicicleta de montaña servizos e información completa e detallada sobre as rutas. Entre os servizos que se prestan salientan o alugueiro de bicicletas, vestiario e ducha; un servizo de información puntual sobre percorridos que se poden realizar ou os datos sobre os niveis de dificultade das rutas.

Así, dixo Nava Castro, “os ciclistas dispoñen dunhas instalacións en perfectas condicións para percorrer 10 rutas que suman máis de 100 quilómetros”. Estes itinerarios -engadiu- “ofrecen vistas panorámicas como a da Ría de Arousa, ou recursos paisaxísticos, arquitectónicos, etnográficos ou culturais, como os muíños restaurados ou o Mosteiro de Armenteira”.

Visitas guiadas
A directora de Turismo de Galicia lembrou que ao longo deste verán, tanto no Centro BTT O Salnés como no Centro BTT Portas de Galicia, situado no sureste de Ourense, desenvolvéronse sendas campañas de visitas guiadas, “co obxecto de promover estas instalacións dando a coñecer a todos os afeccionados os servizos que se prestan”.

No caso do Centro BTT O Salnés realizáronse dúas rutas de promoción en colaboración co Concello de Meis. A primeira delas no mes de xullo e a segunda o 17 de agosto.

Por outra parte, o Centro BTT Portas de Galicia realizou tres saídas en colaboración co Club BTT Verín e o Plan de Competitividade Turística Portas de Galicia. A primeira destas desenvolveuse no territorio de Riós, o 14 de xuño, a segunda, o 19 de xullo, no municipio de Viana do Bolo; e a terceira, o 10 de agosto, na Gudiña.

Campaña de promoción
Por último, na súa estadía no Centro BTT O Salnés, Nava Castro referiuse á campaña de promoción que se está levando a cabo, tanto no Salnés como en Portas de Galicia, de xeito que todos os ciclistas que se acheguen a estes centros, “ben a alugar unha bicicleta de montaña, ben a solicitar información sobre os propios centros, recibirán como obsequio un bidón de hidratación de edición limitada BTT Galicia”.

En total vanse repartir 1.500 bidóns co fin de dar a coñecer a Rede BTT Galicia que “pronto contará cunha nova incorporación, a instalación do Centro BTT Serra do Xurés”, manifestou a directora de Turismo de Galicia.

Arriba