Presentado en Santiago o IV Circuíto de Golf Senior Turismo de Galicia
A directora de Turismo de Galicia cualifica esta proba como “unha da mellores ferramentas para posicionar Galicia como destino ideal para xogadores de golf senior”.
Este circuíto contará con seis probas clasificatorias que se celebrarán noutras tantas comunidades autónomas españolas e que comezarán hoxe, día 2 de setembro, en Asturias. A fase final terá lugar en Galicia, no campo de golf Oca Augas Santas Balneario & Golf, en Ferreira de Pantón os días 7 e 8 de outubro.
“Unha das mellores ferramentas para posicionar Galicia como destino ideal para xogadores de golf senior”. Así cualificou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a celebración do IV Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia, que presentou en Santiago.
Este torneo, no que poderán participar homes de máis de 55 anos e mulleres de máis de 50, celébrase por cuarto ano consecutivo e contará cunha fase clasificatoria que se desenvolverá en seis campos de golf doutras tantas comunidades autónomas españolas. O circuíto comezará o vindeiro día 2 de setembro no campo asturiano de La Barganiza e a fase final terá lugar no campo de golf Oca Augas Santas Balneario & Golf, en Ferreira de Pantón os días 7 e 8 de outubro.
Referíndose á fase clasificatoria, a directora de Turismo de Galicia lembrou que os campos elixidos para a súa celebración nas comunidades de Asturias, o 2 de setembro; A Rioxa, o 4 de setembro; Castela e León, o 9 de setembro; País Vasco, o 11 de setembro; Madrid, o 16 de setembro; e Navarra, o 18 de setembro, “son prioritariamente os que contan cun maior número de licenzas de xogadores senior”, sinalou.
Estas probas clasificatorias desenvolveranse pola modalidade de stableford scratch e handicap individual. Os xogadores que queiran participar deberán ter o cartón federativo en vigor na data da celebración da competición cun límite de handicap de xogo de 30, tanto para mulleres como para homes, e poderán participar hándicaps superiores se se adaptan ao handicap 30 de xogo
Golf senior e oferta complementaria
Segundo explicou a Nava Castro, o “obxectivo deste circuíto é ofrecer un programa concreto e atractivo para o xogador e colectivo senior” que se está convertendo “nun segmento de vital importancia no sector do golf en España”, engadiu.
“En definitiva -apuntou a directora de Turismo de Galicia- o Circuíto de golf Senior Turismo de Galicia constitúe unha ferramenta de promoción para Galicia como destino de turismo activo e deportivo no que ademais se demostra a súa complementariedade con outras actividades paralelas coma o termalismo, a gastronomía ou a enoloxía”.
Plan integral de Turismo de Galicia
Nava Castro explicou tamén que xa no Plan Integral de Turismo de Galicia vén reflectida a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo “para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf vencellados ao turismo termal”.
“Por iso -continuou- de aquí a 2016 estanse impulsando accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf”.
Deste xeito, entre as actuacións máis salientables, a directora de Turismo de Galicia destacou a participación en feiras sectoriais de golf, accións de promoción en medios de comunicación especializados en colaboración coas empresas xestoras dos campos, a realización de eventos Green Day para participantes amateurs, o lanzamento de ofertas de fins de semana multiexperienciais combinando turismo de golf con turismo termal ou rural, o desenvolvemento de paquetes pechados que consten de Green Fee e clases de iniciación ou perfeccionamento realizadas por monitores propostos pola Federación Galega de Golf e a Asociación Galicia, Destino Golf; e, “por suposto, engadiu Nava Castro, a creación de paquetes turísticos, ofertando golf, aloxamento, termalismo e gastronomía, especialmente para o colectivo senior”.
Calidade turística
Por último, na súa intervención durante a presentación do IV Circuíto de Golf Senior Turismo de Galicia, a directora do departamento de Turismo da Xunta de Galicia referiuse á celebración da final deste torneo no recinto do Oca Augas Santas, do que dixo “reforza a aposta de Turismo de Galicia pola calidade”.
Así, salientou que se trata dun establecemento no que o hotel e o campo de golf están certificados co distintivo Q de Calidade Turística. Nesta liña, destacou que Galicia é a segunda comunidade autónoma en certificacións Q tras Andalucía con 249 distintivos en empresas e servizos turísticos, e que “somos líderes en segmentos como o turismo rural, balnearios, instalación náutico-deportivas, turismo activo, industrial e de ocio nocturno”.
“En definitiva, -concluíu Nava Castro-, contamos cunha oferta diferencial, distinguida pola calidade, competitividade e con gran pontencialidade desestacionalizadora, grazas a produtos como o que hoxe presentamos de turismo de golf”.