08 set 2014

Outono Gastronómico nas casas de turismo rural de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou a oitava edición deste programa que combina a enogastronomía galega co turismo rural e que por primeira vez presenta “Este ano, cociña connosco”.

Cento seis casas de turismo rural participan nesta iniciativa que ten por obxectivo dinamizar e favorecer a desestacionalización deste segmento durante os meses de outono.

O 8º Outono Gastronómico en Turismo Rural comeza o día 12 de setembro e remata o día 14 de decembro.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e directora de Promoción, Carmen Pita, na presentación do VIII Outono gastronómico en Turismo Rural de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou  a oitava edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural. A iniciativa, promovida por Turismo de Galicia agrupa a 106 establecementos rurais que convidan a gozar da gastronomía galega presentando cada un deles dos menús diferentes elaborados cos mellores produtos da tempada.

Nava Castro explicou que o programa ten por obxectivo dinamizar o turismo no eido rural, promover a gastronomía galega, desenvolver a oferta complementaria neste segmento e favorecer a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais de Galicia.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia resaltou que o turismo rural segue a medrar en Galicia. No que vai de ano 74.971 viaxeiros escolleron Galicia como destino de turismo rural e os establecementos rurais contabilizaron un total de 138.866 pernoitas, un 25,9% e 26,8% máis, respectivamente, que no ano anterior.

Así mesmo, “o turismo rural galego segue sendo líder do Estado en Certificacións Q de Calidade Turística o que amosa o compromiso deste sector coa calidade e o bo facer”, sinalou Nava Castro. En Galicia existen 58 casas de Turismo Rural co distintivo de Calidade, o que significa un 39,45% do total.

106 establecementos participantes e mesmo prezo dende 2011

Nesta oitava edición, o Outono Gastronómico en Turismo Rural conta coa participación de 106 establecementos galegos, 27 na provincia da Coruña; 31 en Lugo; 23 en Ourense e 25 en Pontevedra. Dende o 12 de setembro ata o 14 de decembro as casas de turismo rural de Galicia adheridas á promoción ofrecen as seguintes posibilidades:

-O “Menú Outono Gastronómico”. Un menú para xantar ou cear que consta de entrante, primeiro prato, segundo prato, sobremesa e, viño con Denominación de Orixe galega. O prezo é de 30 euros por persoa. Cada casa de Turismo Rural ofrece dous menús diferentes.

-Un “Paquete Outono Gastronómico” que inclúe un “Menú Outono Gastronómico” por persoa e o aloxamento e almorzo na casa de Turismo Rural elixida –pódese escoller a noite do venres ou a do sábado-. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.

-A mellor opción é a oferta completa de “Fin de Semana de Outono Gastronómico”, que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento –noite de venres ou sábado- e almorzos por 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual.

Ademais, se os viaxeiros quixesen compartir coa familia esta fin de semana tan especial, poden escoller a opción “Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico”, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos.

Nava Castro, incidiu durante o acto de presentación en que, unha edición máis, mantéñense os prezos dos dous anos anteriores para todas as opcións.

Así mesmo sinalou que pódese acadar máis información acerca das distintas opcións que ofrece á promoción, os establecementos participantes, os menús gastronómicos ou como facer reservas nas oficinas de información de Turismo de Galicia así como na súa páxina web.

“Este ano, cociña connosco”: obradoiros de cociña gratuítos

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, este ano, os expertos dos fogóns das casas de turismo rural adheridas a esta promoción ofrecen unha invitación moi especial: entrar nas súas cociñas para descubrir os segredos da súa receita estrela e colaborar activamente na súa elaboración. Ademais, como agasallo, os participantes recibirán un receitario cos pratos presentados por cada un dos establecementos participantes. Estes obradoiros de cociña, totalmente gratuítos, son unha oportunidade única para os amantes da cociña ou para aqueles que queren aprender ou descubrir novas experiencias.

Máis de 37.000 participantes

Un total de 37.045 persoas participaron ó longo das sete edicións pasadas dos Outonos Gastronómicos o que levou consigo unha facturación de 2.086.169 euros.

Arriba