O Primeiro Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo converterá de novo a Compostela na capital do turismo mundial
A directora de Turismo de Galicia e o xerente do Xacobeo presentaron o Primeiro Congreso sobre Peregrinacións e Turismo que terá lugar os próximos 17,18,19 e 20 de setembro.
Unha convocatoria a nivel mundial que converterá a Galicia nun dos principais epicentros turísticos a nivel internacional.
O Congreso conta con 35 relatores de primeiro nivel procedentes dos 5 continentes e máis de 250 participantes.
A directora de Turismo de Galicia e o xerente do Xacobeo presentaron o Primeiro Congreso sobre Peregrinacións e Turismo que terá lugar os próximos 17,18,19 e 20 de setembro.
Trátase da cita máis importante realizada ata o momento neste ámbito e, concretamente, Santiago de Compostela, un dos centros históricos de peregrinación cristiá, é a cidade elixida, o que representa unha oportunidade única para toda a Comunidade. “É a primeira vez que vaise celebrar un congreso sobre o fenómeno da peregrinación e a súa relación co turismo avalado pola OMT e temos a gran sorte de que sexa en Galicia”, sinalou a directora de Turismo de Galicia.
Coa organización deste congreso, que é posible grazas a colaboración de Turismo de Galicia, a Organización Mundial do Turismo e a Secretaría de Estado de Turismo, os establecementos turísticos de Galicia e as súas cidades serán visitadas por centenares de viaxeiros de todas partes do mundo. O Congreso que se celebrará no Hostal dos Reis Católicos, conta xa con mais de 250 asistentes o que, segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, é unha boa testemuña do interese xeneralizado desta convocatoria a nivel mundial que converterá a Santiago de Compostela de novo na capital mundial do turismo e a Galicia nun dos principais epicentros turísticos a nivel internacional.
Así mesmo, Nava Castro destacou, durante a presentación, que non hai sitio mellor para celebrar un congreso sobre peregrinación que Santiago de Compostela, meta dun Camiño que conta coa distinción de Embaixador Honorario da Marca España e que é percorrido por unha densa corrente de peregrinos de todas partes do mundo ano tras ano dende o 820. “Hoxe o Camiño de Santiago está en pleno auxe tal e como reflicten as cifras da oficina de acollida ao peregrino”, afirmou a directora de Turismo de Galicia. No pasado ano Santiago acolleu a 215.880 peregrinos de máis de 150 nacionalidades distintas. Este ano as cifras van en aumento xa que nos primeiros oito meses do ano xa recibimos a 182.387 peregrinos, un 9,64% mais que no mesmo período do pasado ano.
A directora de Turismo de Galicia explicou que “un dos obxectivos do Plan Integral de Turismo de Galicia é favorecer a desestacionalización do turismo da comunidade”. “Coa celebración deste congreso espérase superar as expectativas previstas para o mes de setembro”, engadiu.
Un total de 35 relatores de primeiro nivel, procedentes dos cinco continentes e de todos os ámbitos relixiosos, combinando especialistas académicos, profesionais do sector turístico, das administracións públicas relacionadas coa materia, etc. encontraranse na capital de Galicia para deleitarnos co seu coñecemento sobre esta materia. Adel El Gendy, Claudio Ricci, Alison Hillard, Paolo Caucci von Saucken e Marcela Bacigalupo son só algúns dos expertos que estarán presenten nestas xornadas que ofrecerán no seu conxunto unha visión xeral do turismo de peregrinacións a nivel mundial.
Pola súa parte, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, expuxo o programa do congreso que, segundo explicou, o conforman cinco sesións que incorporan diversos aspectos das peregrinacións, os lugares sagrados, o turismo espiritual, o patrimonio natural e cultural e a súa sustentabilidade. A isto hai que engadir que o congreso abarcará unha sesión monográfica sobre franciscanismo e un programa social e visitas técnicas que ofrecerán a posibilidade de coñecer o destino Galicia a todos aqueles que así o desexen.
O congreso ten como finalidade sensibilizar á comunidade internacional sobre a crecente importancia das peregrinacións e do turismo espiritual; poñer de relevo o significado histórico e cultural das peregrinacións, tanto dos seus aspectos relixiosos coma seculares; así como das rutas culturais como fenómeno universal; discutir políticas e estratexias para a salvagarda e a xestión do patrimonio ao longo das rutas e resaltar a contribución positiva das peregrinacións ao crecemento sostible, responsable e pacífico das economías e sociedades a escala global.
O dito congreso é un dos acontecementos máis importantes que terán lugar en Galicia neste ano e que enmárcase na programación especial da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de san Francisco de Asís a Santiago. Esta programación esténdese dende mediados do 2013 ata mediados do ano 2015 e ten como obxectivo principal impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia a través dos significados e valores da peregrinación xacobea como a que viviu san Francisco.