Turismo de Galicia investirá 20.000 euros na promoción da Estación Náutica da Comunidade galega
Nava Castro asinou hoxe en Madrid un convenio de colaboración coa Asociación Española de Estacións Náuticas, que tamén rubricaron os representantes de Turismo de Andalucía, Cataluña, Ceuta, Comunidade Valenciana e Comunidade de Madrid.
A través deste acordo desenvolverase un programa de difusión e apoio á comercialización da Estación Náutica Rías Baixas.
A directora de Turismo, Nava Castro, asinou hoxe en Madrid un acordo de colaboración coa Asociación Española de Estacións Náuticas, polo que o departamento que dirixe investirá un total de 20.000 euros na promoción da Estación Náutica de Galicia, a través de distintas accións de difusión e apoio á comercialización deste espazo situado nas Rías Baixas e cuxa sede se atopa no Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo. No acto de rúbrica do acordo tamén participaron os representantes de Turismo de Andalucía, Cataluña, Ceuta, Comunidade Valenciana e Comunidade de Madrid.
Segundo o convenio asinado hoxe, desenvolverase un programa de accións encamiñadas á canle, con vistas á comercialización indirecta, e outras ao consumidor, co obxectivo de xerar tráfico e vendas directas no portal da Asociación Española de Estacións Náuticas (AEEN).
Dentro das accións destinadas á canle de comercialización, salienta a asistencia a feiras especializadas en Turismo en España, Francia e Alemaña. Así, neste acordo rexístrase a participación na Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR, con accións de relacións públicas, presentación de produtos, entrega de bandeiras e contratación dun espazo específico de promoción.
Accións no exterior
Dentro deste apartado, tamén se recolle a participación na feira Salón Náutico de París, coa inclusión dunha campaña de relacións públicas con medios de comunicación e cliente final, a busca de axencias online co obxectivo de realizar contratos de afiliación e a publicidade en medios obxectivo.
Ademais, no ámbito da participación en feiras especializadas contémplase a asistencia ao Salón Náutico de Düsseldorf, cun stand orientado á participación das distintas comunidades autónomas asinantes, así como unha campaña de relacións públicas con medios de comunicación e clientes online.
Unidade de apoio á comercialización
Por outra parte, este convenio recolle unha unidade de apoio á comercialización por medio da mellora do portal www.estacionesnauticas.info, a organización de xornadas de aceleración comercial, mercadotecnia online, un plan de negocio do portal da AEEN e campañas de produto, así como a Festa do Mar.
No que atinxe á Unidade de apoio á comercialización, esta créase para incorporar todas as fases da xestión do produto: un observatorio de turismo náutico, un laboratorio de creación de novos produtos, a planificación estratéxica de produto e a operativa de comercialización.
Os principais obxectivos desta unidade son, entre outros, potenciar o modelo de negocio do portal www.estacionesnauticas.info, involucrar aos empresarios e ás canles de comunicación e consolidar os produtos turísticos especializados en náutica.
Aceleración comercial
O obxectivo do apartado Aceleración comercial é conseguir unha maior sincronización entre todos os axentes que participan na promoción do Club de produto estacións náuticas –Turespaña, as comunidades autónomas, entidades locais, as propias estacións náuticas e os empresarios- co propósito de acelerar a rendibilidade das accións orientadas á comercialización, creando indicadores de control que permitan executar as prioridades.
Ademais, segundo o convenio asinado hoxe, desenvolveranse accións de mercadotecnia online, ao obxecto de posicionar o portal de venda da AEEN .
Os puntos básicos desta acción están relacionados co posicionamento en buscadores da internet, programas de afiliación, ferramentas de testeo, posicionamento en redes sociais, a creación de weblogs e melloras tecnolóxicas para o portal da Asociación.
Ademais, ponse en funcionamento unha oficina de comunicación que será o organismo encargado de xerar notoriedade para darlle relevancia ao club de produto.
Plan de negocio do portal
Polo que respecta ao Plan de negocio do portal www.estacionesnauticas.info, o proxecto articulase en tres fases que inclúen as diferentes actividades que se levan a cabo no marco do proxecto: definición e estratexia de negocio, elaboración do plan de negocio e financiamento e pre-implantación do proxecto.
Por último, neste acordo prevense campañas de produto que permitan difundir os valores da AEEN e das súas instalacións asociadas.
Asociación Española de Estacións Náuticas
A AEEN é unha asociación sen ánimo de lucro que se creou en 1998, contado co apoio da Secretaría de Estado de Turismo e que na actualidade está formada por varios destinos repartidos por todo o litoral español das comunidades de Andalucía, Cataluña, Galicia, Murcia, Valencia, Madrid e Ceuta.
Unha estación náutica é un espazo turístico e recreativo que permite a práctica do turismo náutico, entendido como vacacións activas en contacto coa auga, coa posibilidade de realizar todo tipo de actividades náuticas en tempo de ocio. Ademais, ofrécese a posibilidade de conxugar a actividade náutica co aloxamento e o goce da natureza, así como a oferta turística e recreativa da contorna.
A AEEN funciona como club de produto turístico e ten o recoñecemento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio como Agrupación Empresarial Innovadora Turística.
Na actualidade, en Galicia funciona dentro desta categoría a Estación náutica Rías Baixas, no Porto Deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo.