17 set 2014

A Xunta promociona en Francia o turismo náutico de Galicia a través da feira Grand Pavois

Entre os días 17 e 22 de setembro, Turismo de Galicia instalou un stand neste certame turístico que se celebra en La Rochelle e no que tamén estivo presente a entidade Portos de Galicia.

Por segundo ano consecutivo, o Goberno galego, participa neste evento co obxectivo de captar aos navegantes do norte de Francia.

Stand de Galicia no Grand Pavois.

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e a entidade Portos de Galicia, promoveu o turismo náutico da comunidade galega na feira especializada Grand Pavois, que se celebrou na cidade francesa de La Rochelle entre os días 17 e 22 de setembro.

Esta é a segunda edición consecutiva na que a Xunta de Galicia participa nesta feira, co obxectivo de atraer navegantes do norte de Francia cara ao litoral galego.

Deste xeito, Turismo de Galicia instalou un stand de 48 metros cadrados no recinto feiral de La Rochelle, dende o que difundiu e deu a coñecer as instalación e servizos náuticos de Galicia, así como os recursos e os produtos turísticos relacionados co turismo náutico.

Salón náutico

A feira Grand Pavois constitúe un dos principais escaparates para a promoción da náutica deportiva en Francia.

Celebrado por primeira vez no ano 1973, está catalogada como unha das feiras máis importantes de Europa no seu ámbito.

O salón conta con 100.000 metros cadrados de exposición e 860 expositores que representan a 35 países de todo o mundo.

Arriba