20 set 2014

Nava Castro destaca a importancia do Congreso de Peregrinacións e Turismo, que permitiu entrelazar os centros relixiosos dos cinco continentes

Salienta o valor simbólico do Camiño para a unidade europea e a súa relevancia como referente cultural internacional.

O día 19 de setembro celebrouse a derradeira xornada do primeiro Congreso de Peregrinacións e Turismo. Unha visión a nivel mundial das peregrinacións e a súa relación co turismo que reuniu en Compostela os principais expertos deste fenómeno histórico e cultural.

A segunda xornada do congreso comezou cunha sesión titulada “O turismo de peregrinacións ante o patrimonio histórico e cultural” na que se reflexionou sobre a atracción que senten os turistas e os peregrinos polo legado cultural e histórico presente nas rutas de peregrinación e os sitios sagrados. Jin Yung Woo, conselleiro especial do secretario xeral da OMT en asuntos de Turismo e Cultura, Maru Acevedo, viceministra de Turismo de Guatemala, e outros grandes expertos na materia debateron sobre o papel do turismo e da conservación do patrimonio histórico e da identidade cultural na era da globalización.

A continuación tivo lugar unha sesión centrada na natureza como inspiración ao turismo e á peregrinación. Os expertos participantes destacaron coas súas intervencións que o respecto ao medio debe estar presente no turismo ligado ás rutas de peregrinación. Os camiños utilizados antano pola poboación local e peregrinos, e agora tamén por numerosos turistas, transcorren por espazos naturais moi diversos que forman a miúdo paisaxes culturais repletas de valores espirituais e simbólicos.

Pola tarde abordouse a sustentabilidade do turismo de peregrinacións cunha conferencia, unha presentación de estudos de caso e un debate técnico. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou o caso da peregrinación xacobea e a súa relación co turismo e expuxo as perspectivas contemporáneas do Camiño de Santiago. Durante o seu relatorio, Nava Castro destacou a importancia do Camiño para Galicia e para todo o mundo do que dixo é un símbolo da propia unidade europea e todo un referente cultural internacional. Así mesmo, explicou a xestión levada a cabo por Turismo de Galicia que conseguiu facer do Camiño se Santiago un modelo a seguir.

As conclusións destas xornadas revelaron que aínda que existen numerosos centros de peregrinación en diferentes puntos do mundo e de relixións moi diversas, todos teñen en común a súa devoción e espiritualidade. Ambas as dúas son motivacións que impulsan os peregrinos a emprender esa gran viaxe en calquera parte do mundo.

Para finalizar o congreso a xefa do Programa, Ética e Responsabilidade Social da OMT leu a Declaración de Santiago de Compostela sobre Turismo e Peregrinacións, que sentará as pautas comúns a ter en conta para todas as rutas de peregrinos a partir do día de hoxe.

O acto de clausura do congreso contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Turespaña, Marta Blanco, e o director-secretario executivo de Relacións cos Membros da OMT.

Nava Castro explicou que o congreso serviu para afondar no coñecemento sobre as peregrinacións e descubrir aspectos singulares do legado histórico e cultural tanto na súa vertente relixiosa como turística. “A experiencia de relevantes e prestixiosos expertos na materia estivo reflectida en cada unha das sesións que tiveron lugar durante todo o día de onte e o de hoxe”, afirmou a directora de Turismo de Galicia. Nava Castro engadiu que con este congreso entrelazáronse as peregrinacións e os centros relixiosos dos cinco continentes.

Trinta e cinco poñentes e trescentos cincuenta asistentes déronse cita neste congreso sobre peregrinacións e turismo, avalado pola Organización Mundial de Turismo (OMT), que elixiu a capital de Galicia para acoller a súa primeira edición no marco do VII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

Arriba