Xornalistas irlandeses visitan Galicia para coñecer o Camiño do Norte
Convidados por Turismo de Galicia, en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Dublín, visitaron Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba, Guitiriz, Sobrado dos Monxes, e Santiago de Compostela.
Un grupo de catro xornalistas irlandeses realizaron unha viaxe por Galicia na que puideron coñecer o Camiño do Norte entre Ribadeo e Santiago de Compostela. Esta viaxe estivo organizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Dublín, e realizouse entre os días 19 e 23 de setembro.
Os xornalistas irlandeses que percorreron estes días o Camiño Norte son Eva Hogan, do xornal The Irish Daily Star, Brendan Harding, do xornal Carlow Nationalist, Jim Gallagher, do xornal Sunday World, e Ciaran Tierney, do xornal Connacht Tribune.
Ao longo dos catro días de estadía en Galicia, os xornalistas irlandeses puideron coñecer os puntos máis importantes da Ruta Xacobea do Norte así como outros lugares de interese turístico da Comunidade galega como a praia das Catedrais.
Programa
O sábado 20, o grupo de xornalistas chegou a Ribadeo, procedente de Cantabria. O día 21 trasladáronse de Ribadeo a Vilanova de Lourenzá e Mondoñedo, e logo ata Vilalba.
Xa pola tarde, percorreron a pé un tramo do Camiño do Norte próximo á ponte de Santo Alberte para logo trasladarse a Friol onde fixeron noite.
O luns 22 de setembro, os xornalistas percorreron o tramo do Camiño do Norte entre Friol e Sobrado dos Monxes, con visita ao mosteiro de Sobrado.
Logo trasladáronse ata Melide para coñecer o Camiño Francés e fixeron un tramo de seis quilómetros do mesmo entre esta vila e Boente.
Por último, este mesmo día os visitantes irlandeses desprazáronse a Santiago de Compostela, cidade á que lle adicaron a tarde do luns.
O martes 23 de setembro, os xornalistas regresaron a Irlanda.