15 out 2014

A campaña ‘De tapas por Galicia’ outorgará premios especiais aos participantes do concurso de tapas do Casco Vello de Vigo

Os participantes na campaña poderán gañar unha noite de hotel para dúas persoas e unha cea nun restaurante con categoría ´sol Repsol´ ou estrela ´Michelín´ mentres que co premio Estrella Galicia, se premiará á mellor tapa maridada con cervexa.

´De tapas por Galicia´ concentra por primeira vez a promoción dos principais concursos gastronómicos de tapas que se desenvolven ao longo dos meses de outono nas sete principais cidades galegas.

De tapas por Galicia

A campaña ´De tapas por Galicia´ chega a Vigo da man de Turismo de Galicia. Esta iniciativa, que ten coma obxectivo promover o turismo urbano e a gastronomía concentra, baixo esta mesma denominación e por primeira vez, a promoción dos principais concursos e certames gastronómicos que se desenvolven ao longo dos meses de outono nas sete principais cidades galegas. Deste xeito, o concurso de tapas do Casco Vello de Vigo forma parte deste proxecto que xa se presentou en Madrid e Barcelona.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, quixeron dar a coñecer aos vigueses e viguesas os premios especiais que poderán gañar soamente con participar na campaña ideada por Turismo de Galicia. E o fixeron na taberna A Regueifa, por resultar gañadora na última edición do concurso de tapas do Casco Vello xunto aos seus cociñeiros Idoia Correa e Xosué Casanova, que aproveitaron para presentar a tapa Deconstrucción de empanada de millo e croques coa que participan na edición deste ano.

Coma explicaron as representantes autonómicas, dende o pasado 3 de outubro e ata o 2 de novembro, os vigueses e viguesas que participen no concurso de tapas do Casco Vello de Vigo –que engloba a 35 establecementos cunha gran variedade de pinchos por 1,5 euros- poderán gañar importantes premios soamente con votar e participar na iniciativa da Xunta de Galicia e que serán outorgados por Turismo de Galicia e a compañía Hijos de Rivera SAU a través da súa marca Estrella Galicia, colaboradora nesta promoción turística.

Como participar no concurso
Toda a información sobre o programa ‘De tapas por Galicia’ está dispoñible na web www.detapasxgalicia.comnova venta. Desde esta mesma páxina ou a través do Facebook de Turismo de Galicia (https:www.facebook.com/detapasporgalicianova venta) se poderá participar no concurso cuxo premio consiste nunha noite para dúas persoas nun hotel da cidade que elixan os gañadores e unha cea nun restaurante con categoría ‘sol Repsol’ ou estrela ‘Michelín’. Os participantes neste concurso deberán subir á conta de Facebook de Turismo de Galicia as fotos das súas tapas preferidas e a máis votada polos usuarios desta rede social, será a gañadora.

Polo que respecta ao premio Estrella Galicia, esta marca asociada a Galicia Calidade e patrocinadora tamén do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, outorgará un premio á mellor tapa maridada con cervexa e elixida por un xurado especializado. Poderán participar profesionais, en representación dos seus respectivos establecementos ou empresas que participan nesta campaña e, entre todas as receitas enviadas, seleccionarase un finalista que pasará a formar parte da gran final para elixir ao campión galego neste apartado.

Ademais, entre outras accións para a difusión deste produto turístico destacan a edición dunha guía impresa coa oferta gastronómica máis importante das sete grandes cidades galegas, un apartado modelo separata dentro da guía que informa sobre esta campaña e os premios aos que poden acceder todos os participantes, tanto público en xeral coma os responsables dos 35 locais participantes no concurso de Vigo.

Unión dos certames das sete cidades galegas
Por último, Bravo Bosch salientou que esta iniciativa supón a unión, por primeira vez, dos concursos e certames gastronómicos que se veñen celebrando ao longo do outono e durante os últimos anos nas principais cidades galegas baixo unha mesma denominación, “e sen minguar a personalidade individual de cada evento, conseguiuse xerar un produto rexional con proxección no exterior”.

‘De tapas por Galicia’ promove así conxuntamente o concurso de tapas ‘Picadillo’, da Coruña; ‘Tapéate Ferrol’; o concurso de tapas de Lugo, o ‘concurso de pinchos de outono sabores de Ourense’; ‘Pontedetapas’, de Pontevedra; ‘Santiago é tapas’; e o ‘concurso de tapas de Vigo Vello’.

Arriba