X Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou no acto de inauguración do X Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas que celebrou en Burgao a pasada fin de semana.
Durante a súa intervención, Rafael Sánchez, agradeceu as Asociacións Xacobeas o seu intenso labor a prol da difusión do fenómeno de peregrinación a Santiago de Compostela. “É un obxectivo prioritario para Turismo de Galicia apoiar as Asociacións Xacobeas xa que realizan un gran traballo de promoción do destino Galicia, que repercute no constante incremento da cifra de peregrinos que ano tras ano percorren o Camiño”, asegurou o xerente do Xacobeo.
Esta décima edición, que reunirá a preto de 200 persoas baixo o título “Un Camiño de Santiago: un camiño en evolución”, contempla o desenvolvemento de seis relatorios e dúas mesas redondas, nas que intervirán expertos internacionais como a profesora do Centro de Investigación Histórica de París, Adeline Rucquoi, e o seu homólogo do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago da Universidade de Perugia, Paolo Caucci Von Sauken.
Nas diferentes conferencias, analizaranse e debateranse cuestións como a hospitalidade na ruta xacobea, a situación do Camiño de Santiago na actualidade e a súa evolución ao longo dos séculos, o cambio na imaxe dos peregrinos e as relacións entre a Federación Española de Asociacións do Camiño de Santiago, os seus asociados e as institucións, entre outras cuestións.
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participará tamén na mesa redonda “As relacións entre a Federación, as asociacións e as institucións” que presidirá o vicepresidente da Federación Española de Asociacións, Juan Ramos.
O Congreso Internacional de Asociación Xacobeas naceu en 1997 e cun carácter trienal pretende achegar os aspectos máis novidosos relacionados coa investigación científica e o Camiño de Santiago.
A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que engloba máis dunha trintena de asociacións xacobeas espalladas por todas as Rutas Xacobeas do territorio e máis de 5.900 socios, constituíuse en 1987 tras o Primeiro Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas celebrado en Jaca.
Cumio Internacional de Asociacións Xacobeas
Unha das citas congresuais ineludibles para investigadores e investigadoras do fenómeno das peregrinacións será o Cumio Internacional de Asociacións Xacobeas, que se celebrará os días 23, 24 e 25 de abril en Santiago de Compostela.
O xerente do Xacobeo aproveitou a ocasión para invitar a participar neste encontro a todas as Asociacións de Amigos do Camiño coa finalidade de compartir información e experiencias, unir criterios e expoñer dificultades, intentando formular proxectos en común a beneficio do Camiño de Santiago.
Esta actividade enmárcase dentro dos actos que conmemoran o oitavo centenario da peregrinación de san Francisco de Asís a Santiago, que arrancaron a mediados de 2014 e que se prolongarán ata mediados de 2015. Durante este período, Turismo de Galicia trata de abordar, cunha programación moi especial, o legado iconográfico, artístico e de patrimonio inmaterial do santo.