Turismo de Galicia celebra un foro cos alcaldes dos concellos polos que discorren as rutas xacobeas en Galicia
O Plan Director do Camiño de Santiago, promovido por Turismo de Galicia, pretende fixar unha diagnose do actual estado das rutas xacobeas para abordar un traballo de mellora das mesmas cun horizonte no Ano Xacobeo 2021
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, reuníronse hoxe cun numeroso grupo de alcaldes dos concellos polos que discorren as rutas xacobeas en Galicia no marco do Plan Director do Camiño de Santiago.
Dito Plan Director, promovido por Turismo de Galicia, pretende fixar unha diagnose do actual estado das rutas de peregrinación xacobeas para abordar un traballo de mellora das mesmas cun horizonte 2021, data na que se celebrará o vindeiro Ano Santo.
O actual dinamismo do Camiño de Santiago, co incremento continuo do número de peregrinos que xa superou as cifras do no 2013, acadando no que vai de ano os 224.734, supón un importante reto para a Xunta de Galicia que leva a cabo un importante traballo de conservación e promoción destas rutas de peregrinación, procurando unha xestión que faga do Camiño de Santiago un referente internacional de sostibilidade e accesibilidade.
Para a redacción deste Plan Director do Camiño de Santiago, Turismo de Galicia e a empresa redactora, promoven a participación dos diversos axentes implicados na materia para contar coas súas achegas. Así, nestas xornadas están a desenvolverse diversos foros do Camiño no que participan os alcaldes dos máis de cen concellos polos que discorren as rutas xacobeas en Galicia así como representantes do sector privado. Así mesmo, en vindeiras xornadas se desenvolverán novos foros coa participación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, institucións eclesiásticas e novos axentes do sector privado.
O principal obxectivo é lograr que este Plan Director sexa froito dun labor participativo dos diversos sectores implicados e que deste xeito se sintan implicados na súa redacción e nas obxectivos que se pretenden acadar.