23 out 2014

A directora de Turismo de Galicia anuncia a constitución da Comisión de seguimento do Plan director do Camiño de Santiago

Na Comisión, ademais de Turismo de Galicia, participan representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e da FEGAMP.

O obxectivo é involucrar na elaboración do Plan a todos os axentes e sectores implicados para que o resultado sexa un produto de colaboración público-privada.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, anuncioua constitución da Comisión de Seguimento do Plan Director do Camiño de Santiago na que, ademais de Turismo de Galicia, participan representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e da FEGAMP.

Nesta primeira reunión da Comisión, celebrada a semana pasada no Consello Económico e Social de Galicia, a empresa adxudicataria deu conta do traballo desenvolvido ata o momento e a previsión de traballo inmediato. Así, explicou que xa se realizaron numerosas entrevistas a diversas competencias da Xunta de Galicia, dos concellos e do sector turístico. “Queremos que neste plan estean involucrados todos os axentes e que estes teñan voz para que o resultado sexa produto da colaboración público-privada”, afirmou a directora de Turismo de Galicia ao finalizar o encontro.

Segundo explicou Nava Castro, o motivo da creación dun Plan Director do Camiño de Santiago vén dado polo espectacular crecemento no número de peregrinos e polo redimensionamento como fenómeno que supera o ámbito nacional. No pasado ano Santiago de Compostela recibiu 215.880 peregrinos, un 12,15% máis que no ano anterior segundo os rexistros elaborados pola oficina de acollida ao peregrino e este ano os peregrinos estanse a incrementar en case un 10% con respecto ao pasado ano. Mais de 225 mil peregrinos xa recibiron a Compostela este ano e deles mais da metade son estranxeiros.

Este plan que contará con dous documentos, o Plan director propiamente dito é un plan estratéxico de actuación, ten por obxecto revitalizar e promover o estudo e investigación de todas as rutas xacobeas, a súa infraestrutura e o seu patrimonio e o seu legado inmaterial.

Así, preténdese que o plan contribúa á mellora do Camiño ao longo de todas as rutas, adaptando medidas específicas para cada unha delas e definindo directrices que colaboren á mellora de aspectos ambientais, á xestión de fluxos, á mellora dos trazados e da sinalización e á mellora dos servizos turísticos entre outros cometidos.

A elaboración deste Plan director do Camiño de Santiago xa viña reflectida na primeira liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia na que se recoñece o Camiño de Santiago como eixo vertebrador de novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional.

Todas as actuacións do Plan Integral de Turismo de Galicia están calendarizadas e o compromiso asumido pola Xunta de Galicia é a redacción do Plan Director do Camiño de Santiago neste ano 2014.

O Plan director tratará de abordar a xestión do Camiño co horizonte 2021, cando se celebra o próximo Ano Santo, para, cun carácter transversal, abordar a problemática que rodea o Camiño implicando os diversos axentes, tanto públicos como privados e a propia sociedade galega en xeral.

“O Camiño de Santiago é o noso produto estrela, a nosa marca diferencial e de calidade, o noso sinal de identificación a nivel internacional, pero tamén constitúe un importante elo no desenvolvemento socioeconómico para os máis de 100 municipios galegos que atravesa”, afirmou Nava Castro.

Xunto a estas fortalezas existen outras debilidades que se pretenden detectar e ofrecer propostas estratéxicas de actuación de cara ao futuro.

“Tanto no proceso da análise interna como externa do Camiño de Santiago procurarase a máxima participación dos axentes e sectores implicados pois estamos ante un dos grandes proxectos de Galicia”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.

Arriba