Turismo de Galicia promove en Barcelona a cociña galega de vangarda en colaboración co Grupo Nove
Vinte dos xefes de cociña máis destacados de Galicia darán a coñecer as últimas novidades da cociña galega na cidade condal o próximo 24 de novembro.
O showcooking, que se celebrará no World Trade Center, contará coa presenza da directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, ademais de primeiras figuras da cociña catalá.
Turismo de Galicia, en colaboración co Grupo Nove, celebrará o próximo 24 de novembro en Barcelona un showcooking para promover a cociña galega de vangarda.
Deste xeito, viaxarán a cidade condal vinte dos xefes de cociña máis destacados de Galicia para celebrar este novo evento gastronómico no que darán a coñecer as últimas novidades da cociña galega. Os integrantes do Grupo Nove realizarán diversas creacións nas que se reinterpretarán receitas tradicionais e que terán como gran protagonista o produto galego.
Entre outros pratos, poderanse degustar raviolis de tenreira galega con allo asado e pistachos; vieiras con cabaciña, perlas de soia e miolos crocantes; brandada de bacallau con allada; cremoso de congro con areas da praia e follas da marea; anguías do Ulla; canelóns de galiña piñeira; lacón con grelos, etc.
O showcooking, que se celebrará no World Trade Center, contará coa presenza da directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, ademais de primeiras figuras da cociña catalá. Así mesmo, está prevista a asistencia de máis de 250 persoas.
Despois do grande éxito de participación e dos excelentes resultados obtidos nos showcookings do Grupo Nove, promovidos por Turismo de Galicia en Madrid e Santiago de Compostela, chega esta nova oportunidade para demostrar nun dos principais destinos turísticos do país e cidade da que procede un gran número visitas a Galicia, a gran capacidade creativa e innovadora da cociña galega e o alto nivel dos seus profesionais.
Tradición culinaria e vangarda
Galicia está agraciada por unha terra rica e fértil e un litoral cunha gran riqueza mariña. Isto unido ao labor de todos os mariñeiros, agricultores e gandeiros galegos fai que teñamos uns produtos de primeira calidade. En concreto, a nosa comunidade conta coa maior variedade de froitos do mar do mundo e somos o primeiro produtor e consumidor español de peixe. Ademais posuímos máis de trinta produtos recoñecidos como produtos galegos de calidade, entre os que sobresaen os viños pertencentes a cinco Denominacións de Orixe Vitivinícola.
Os cociñeiros galegos aproveitan esta materia prima para elaborar pratos de vangarda onde se combina a tradición culinaria que se foi elaborando de xeración en xeración durante décadas, con incorporacións actuais que outorgan diferenciación e valor engadido ao feito de degustar un prato elaborado na nosa comunidade.
Varios dos nosos restaurantes foron galardoados con diferentes distintivos tanto a nivel nacional como internacional, localizándose en Galicia máis de 50 restaurantes certificados coa Q de Calidade Turística aos que hai que engadir os 11 que obtiveron o prestixioso recoñecemento de Estrella Michelin e as 29 distincións Soles Repsol.
Estas distincións repercuten directamente na percepción de Galicia como destino enogastronómico. A gastronomía converteuse nun dos principais atractivos do noso destino e un potente elemento de fidelización. Concretamente é a segunda motivación, tras a natureza pola que os turistas nos elixen como destino.
Plan Integral de Turismo de Galicia
O Plan Integral de Turismo de Galicia identifica a gastronomía do destino como unha das súas fortalezas e a variedade e calidade dos produtos enogastronómicos como elementos que constitúen vantaxes competitivas e diferenciais respecto doutros destinos.
Deste xeito, este Plan Integral inclúe unha liña estratéxica centrada na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos. Nesta liña figura a acción de posta en marcha do programa para desenvolver e promover o produto transversal do turismo enogastronómico na que enmárcanse iniciativas coma a que terá lugar este mes na cidade condal.