18 nov 2014

Turismo de Galicia asina un convenio de colaboración con Gadisa no marco do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Compostela

A compañía de distribución galega contribuirá a fomentar o recoñecemento do Camiño de Santiago a través do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa.


A través da firma deste acordo, ratificado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente-conselleiro delegado de Gadisa, Roberto Tojeiro, a compañía cooperará en promover a tradición peregrina de Galicia dentro e fóra da Comunidade.


No que vai de ano, mais de 234 mil peregrinos xa recibiron a Compostela e deles máis da metade son estranxeiros

Turismo de Galicia asinou un convenio de colaboración con Gadisa no marco da conmemoración do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela que Galicia celebra ata mediados do próximo ano 2015.

Deste xeito, a compañía de distribución galega contribuirá a fomentar o recoñecemento nacional e internacional do Camiño de Santiago a través do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa que recolle accións de cooperación con iniciativas que se desenvolven na nosa Comunidade.

A través da firma deste acordo, ratificado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente-conselleiro delegado de Gadisa, Roberto Tojeiro, a compañía cooperará en promover a tradición peregrina de Galicia dentro e fora da comunidade e, deste xeito, contribuirá tamén a dinamización turística de Galicia.

O Camiño de Santiago está a experimentar un espectacular crecemento, tanto no número de peregrinos como no seu redimensionamento como fenómeno que supera o ámbito nacional. No pasado ano Santiago de Compostela recibiu 215.880 peregrinos, segundo os rexistros elaborados pola oficina de acollida ao peregrino, e este ano esta cifra estase a incrementar en máis dun 10%. No que vai de ano, máis de 234 mil peregrinos xa recibiron a Compostela e deles máis da metade son estranxeiros.

A compañía de distribución, que desenvolve unha importante actividade económica en Galicia a través dos seus centros situados nela, recoñece así a importancia do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e o seu desexo en colaborar na súa realización, promoción e difusión.

Os actos conmemorativos do VIII Centenario están a impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia e, así mesmo, estimulan a participación do sector privado nos proxectos relacionados coa dita conmemoración.

Próximas actividades
A celebración do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Santiago continúa ata mediados do próximo ano 2015.

Entre as actividades programadas para os próximos meses encóntrase o I Cume Internacional de Asociacións Xacobeas que terá lugar os días 23, 24 e 25 de abril en Santiago de Compostela e reunirá por primeira vez as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago de todo o mundo coa finalidade de compartir información e experiencias, unir criterios e expoñer dificultades, intentando formular ademais, proxectos en común a beneficio do camiño de Santiago.

Tamén, durante estes meses, coa colaboración da Universidade de Santiago, está a desenvolverse o ciclo “A Conservación do medio ambiente, tarefa común”, unhas xornadas de divulgación sobre a conservación da natureza, sobre os Camiños de Santiago e sobre a harmonía do territorio co seu desenvolvemento, coa súa vexetación, coa paisaxe rural e urbana, co desenvolvemento e co respecto aos animais, que está a percorrer vinte localidades da nosa Comunidade.

Así mesmo, de abril a xuño de 2015, o Pazo de Xelmírez acollerá a exposición “San Francisco e o seu tempo” que destacará o legado franciscano no contexto histórico dos séculos XII-XIII, época da chamada Idade de Ouro das peregrinacións xacobeas, con pezas procedentes de museos de diversas partes de Europa.

Tamén durante o próximo ano terá lugar o ciclo "Música in peregrinatio", unha colaboración entre mozos músicos procedentes de territorios europeos vinculados coa peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e cos Camiños de Santiago. Así, grazas ao irmandamento entre as cidades de Asís e Compostela e á Federación Europea dos Camiños de Santiago, unha orquestra clásica de 49 instrumentos e un coro mixto a catro voces composto por 48 cantores celebrarán dous concertos en Galicia e recibirán clases e seminarios para gozar dunha experiencia enriquecedora de intercambio cultural e convivencia.

Estas e outras moitas actividades continuarán impulsando a dinamización turística e cultural de Galicia a través dos significados e valores da peregrinación xacobea de San Francisco de Asís.

Arriba