11 mai 2015

Turismo de Galicia impulsa o turismo deportivo a través do V Circuíto de Golf Sénior e a Feira Madrid Golf Experience

Dúas actuacións máis na aposta de Turismo de Galicia pola promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos.

Hoxe comezarán as primeiras probas clasificatorias do V Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia que este ano se celebrará en seis comunidades autónomas.

Na feira Madrid Golf Experience, Turismo de Galicia difundiu os recursos e os produtos relacionados co turismo de golf así como a oferta turística xeral da nosa comunidade e celebrou diversos encontros cos principais operadores turísticos especializados en golf do mercado español.

A ex-esquiadora Blanca Fernández Ochoa, no stand de Galicia na Madrid Golf Experience.

O campo de golf de Ulzama acollerá hoxe martes 12 de maio a primeira proba clasificatoria do V Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia que este ano se celebrará en seis comunidades autónomas.

Este torneo, no que poderán participar homes de máis de 55 anos e mulleres de máis de 50, celébrase por quinto ano consecutivo e contará cunha fase clasificatoria que se desenvolverá en cinco campos de golf doutras tantas comunidades autónomas españolas.

Os campos elixidos para a celebración das probas clasificatorias ademais de Ulzama en Navarra son: Real Club de Golf de San Sebastián, o 28 de maio; Retamares Casino Club de Golf de Madrid, o 3 de xuño; Club de Golf de Pedreña de Cantabria, o 9 de xullo; e Real Club La Barganiza, o 16 de xullo.

A fase final terá lugar no campo de golf Oca Augas Santas Balneario Golf Resort, en Ferreira de Pantón os días 6, 7, 8 e 9 de outubro.

Estas probas, nas que está previsto que participen uns 500 golfistas sénior, desenvolveranse pola modalidade de stableford scratch e handicap individual e os xogadores que queiran participar deberán ter o cartón federativo en vigor na data da celebración da competición cun límite de hándicap de xogo de 26,4, para homes, e 36,4 para mulleres.

Madrid Golf Experience
Por outra parte, Turismo de Galicia promoveu a pasada fin de semana a oferta galega para a práctica do golf na feira Madrid Golf Experience que se celebrou na capital de España. Trátase do maior evento para xogadores, afeccionados e profesionais do mundo do golf no noso país.

Turismo de Galicia participou cun recinto de deseño de 50 metros cadrados, no que se destinan dous mostradores de atención ao público, unha zona de profesionais e un espazo no que se puido practicar putting.

Turismo de Galicia difundiu así os recursos e os produtos relacionados co turismo de golf na nosa comunidade, así como a oferta turística xeral e o Camiño de Santiago. Ademais, no recinto galego estivo tamén representada a asociación Galicia Destino Golf.

Así mesmo, a participación de Turismo de Galicia neste certame turístico inclúe unha axenda de encontros cos principais operadores turísticos especializados en golf do mercado español.

Os obxectivos de Turismo de Galicia nesta feira pasan polo establecemento de relacións comerciais coas principais canles de distribución e comercialización do Turismo de golf, así como a presentación da oferta de campos e programas turísticos do golf galego para a atracción de operadores turísticos internacionais.

Dúas actuacións máis na posta de Turismo de Galicia pola promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos.

Arriba