13 xul 2015

Turismo de Galicia pon en marcha os trens turísticos da Ruta do Viño de o Ribeiro-Rías Baixas e dos Pazos e Xardíns Históricos

A pasada fin de semana circularon por Galicia catro trens distintos cunha ocupación do 87,50% e dous deles farano completos.

Cando aínda falta por desenvolverse máis do 70% do programa “Galicia a todo tren”, xa se comercializaron o 42,83% das prazas totais.

O sábado tamén circulou Tren da Ruta dos Faros e o domingo o Tren das rutas do viño de Valdeorras e da Ribeira Sacra por segunda vez.


É o terceiro ano que a Xunta, en colaboración con Renfe e o Indorde, ofrece ao longo do verán o servizo de trens turísticos que pasou de dúas rutas, en 2013, ás sete de 2015.

Tren turístico de Galicia

`Galicia, a todo tren’. Este é o programa de trens turísticos de Galicia que pon en marcha un verán mais Turismo de Galicia e que iniciou o pasado sábado a Ruta do Viño do Ribeiro-Rías Baixas, entre Ourense e Arbo, e a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos, entre Santiago de Compostela e Vigo. Ademais, tamén circulou tren da Ruta dos Faros, entre Ferrol e Ribadeo, e o domingo fíxoo por segunda vez o tren das Rutas dos Viños de Valdeorras e da Ribeira Sacra. A ocupación dos trens turísticos esta fin de semana será do 87,50% e viaxarán completos os trens da Ruta dos Faros e dos Pazos e Xardíns Históricos.

O sábado, o Tren da Ruta do Viño do Ribeiro-Rías Baixas partiu da estación de Ourense para achegarse a Arbo, onde os viaxeiros visitaron unha adega e o Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea de Arbo. Logo, houbo unha visita á vila de Ribadavia e ao mosteiro de San Clodio de Leiro.

Pola tarde, tras visitar este mosteiro, os viaxeiros trasladáronse ao castro de San Cibrán de Las. Máis tarde, visitouse a estación de Santa Cruz de Arrabaldo e o seu museo que acolle distintas coleccións. De aquí partíuse cara a estación de Ourense, onde remataou a viaxe.

Tren da Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos
Canto ao tren da Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, partiu o sábado pasado da estación de Santiago de Compostela e fixo a primeira parada en Vilagarcía de Arousa para que os viaxeiros pudisen visitar o Pazo de Rubiáns e a súa contorna, recoñecida como ‘Xardín de excelencia internacional de camelias’.

Logo, o tren dirixiuse cara á estación de Arcade e desde aí, os viaxeiros trasladáronse ata Soutomaior para visitar o pazo do mesmo nome, cuxo xardín tamén conta coa distinción de excelencia internacional de camelias.

E, desde Soutomaior a Vigo para visitar o Pazo de Quiñones de León onde os ocupantes do tren puideron contemplar o seu xardín e admirar o ‘matusalén dos camelios’, situado nesta contorna.

Outras ofertas desta fin de semana
Ademais do tren turístico do Ribeiro-Rías Baixas, este sábado funcionaron os trens turísticos da Ruta dos Faros, entre Ferrol e Ribadeo, que circula todas as fins de semana do programa e que está completo ata o 15 de agosto, e o tren da Ruta do Viño de Valdeorras e Ribeira Sacra, entre Ourense e A Rúa cunha ocupación do 93%.

Os trens turísticos de Galicia estarán en servizo entre os meses de xuño e setembro, en sete rutas distintas: Faros, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras-Ribeira Sacra, O Ribeiro-Rías Baixas e Pazos e Xardíns Históricos.

Pódese consultar o calendario dos trens turísticos de Galicia na páxina web de Turismo de Galicia así como na da compañía ferroviaria RENFE, onde tamén se poderá reservar o billete. 

Arriba