O tren Al Andalus iniciou onte o seu percorrido entre León e A Coruña
Por terceiro ano consecutivo este convoi turístico de luxo realiza este itinerario que percorre parte do Camiño de Santiago.
Tamén está prevista outra saída entre os días 20 e 24 de xullo.
Dous operadores turísticos norteamericanos especializados na organización de viaxes de luxo fan o primeiro traxecto deste tren entre Astorga e A Coruña convidados por Turismo de Galicia.
Por terceiro ano consecutivo o tren de luxo Al Andalus achegarase ata Galicia procedente de León percorrendo parte do Camiño de Santiago.
Este ano, o convoi turístico realizará dúas expedicións a Galicia, unha que partiu onte de León e que chegará á Coruña o día 17 e outra entre os días 20 e 24 de xullo. Ademais, nesta ocasión Turismo de Galicia organiza unha viaxe de familiarización na que participan representantes de dous operadores turísticos norteamericanos especializados na organización de viaxes de alta gama.
A viaxe entre León e A Coruña que realiza o tren al Andalus está dividida en catro etapas nas que os viaxeiros poden coñecer boa parte do territorio galego e o Camiño de Santiago.
A primeira etapa discorre entre León e Monforte de Lemos, con parada en Astorga.
O segundo día, os ocupantes realizan unha excursión pola Ribeira Sacra, onde teñen a oportunidade de realizar un cruceiro en catamarán polo Río Sil e unha visita ás adegas da Denominación de orixe protexida Ribeira Sacra.
Logo da visita á Ribeira Sacra, o tren parte de Monforte de Lemos cara a Ourense, onde os viaxeiros desenvolven unha xornada termal, logo da que se trasladan a Santiago de Compostela para coñecer a cidade do Apóstolo.
No cuarto día de viaxe, entre Santiago de Compostela e A Coruña, o tren tamén se achega ata Vilagarcía de Arousa para que os viaxeiros coñezan a Ría de Arousa a través dunha viaxe en barco que parte desde O Grove. Este día tamén se trasladan a Cambados e logo do xantar, dispoñen de tempo libre para coñecer máis de preto as Rías Baixas.
Pola noite, o tren parte de Vilagarcía cara á Coruña, onde ao día seguinte os viaxeiros realizan unha visita á cidade para partir despois do xantar a León, onde remata a viaxe.
Promoción nos Estados Unidos
Por outra parte, Turismo de Galicia organizou nesta primeira saída do tren Al Andalus unha viaxe de familiarización turística na que participan dous representantes de dous operadores dos Estados Unidos especializados na organización de vacacións de luxo.
Trátase de dous representantes da axencia Altanta Century Travel e do operador turístico Artisans of Leisure, do estado de Nova York.
Nesta viaxe, os dous comercializadores turísticos norteamericanos terán a oportunidade de coñecer as características do tren Al Andalus, así como boa parte da oferta turística de Galicia e os seus produtos.
Turismo norteamericano
Polo que respecta aos turistas norteamericanos que visitan Galicia, ao longo de 2014 este mercado incrementou a cifra de viaxeiros aloxados nun 28,5%, mentres que as pernoitas nos establecementos regrados de Galicia subiron un 24,2% en relación ao mesmo período de 2013.
Con algo máis de 80.000 viaxeiros e preto de 125.000 pernoitas, EE.UU. sitúase como o quinto mercado internacional máis importante de Galicia e primeiro non europeo.
Polo que respecta a 2015, o mercado norteamericano presenta tamén un comportamento moi positivo que supera o volume de viaxeiros aloxados do mesmo período do pasado ano nun 11%.