Os Premios Camiño de Santiago distinguen as mellores iniciativas destinadas a conservar e mellorar as rutas xacobeas
O obxectivo principal dos premios é contribuír a un aumento da conservación, difusión e a posta en valor do Camiño de Santiago e da cultura xacobea
As catro categorías recoñeceron as mellores actuacións dos concellos polos que discorre o Camiño, as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, as pemes e as actividades de carácter académico, investigador ou educativo máis destacadas
Os galardóns da I Edición dos Premios Camiño de Santiago, promovidos por Turismo de Galicia, foron entregados nun acto celebrado na Cidade da Cultura que contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o xerente de Xacobeo, Rafael Sánchez, entre outras autoridades.
Estes premios constitúen un recoñecemento institucional e social ás iniciativas públicas e privadas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago, aquelas que impulsan novos servizos ou a innovación e mellora daqueles que se prestan aos peregrinos así como as accións específicas de divulgación e promoción do Camiño de Santiago e da cultura xacobea.
Os principais obxectivos destes premios son avanzar na mellora de cada un dos itinerarios do Camiño de Santiago así como, no seu contorno ambiental, paisaxístico e arquitectónico e a súa protección xeral e posta en valor.
Así mesmo, Turismo de Galicia pretende aumentar con eles a sensibilidade cidadá coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago e estimular o coñecemento do patrimonio xeral do Camiño fomentando a colaboración cidadá en coordinación coas Administracións públicas.
Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia destacou o espectacular crecemento do número de peregrinos, que no que vai de ano superaron xa os 260 mil, e o impulso acadado polo fenómeno xacobeo que supera xa o ámbito nacional.
Así mesmo, Nava Castro referiuse aos recoñecementos internacionais dos que goza O Camiño destacando, entre outros, a declaración de Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa, o recoñecemento como embaixador da Marca España ou a recente declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO aos Camiños do Norte.
Con todo, a responsable de Turismo da Xunta afirmou que a Ruta Xacobea converteuse nun itinerario de referencia a nivel mundial que constitúe a carta de presentación a nivel internacional de Galicia e un potente elemento diferenciador da nosa comunidade como destino.
Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, tamén subliñou a relevancia universal do fenómeno xacobeo e a importancia que os Camiños teñen para o desenvolvemento de Galicia. Segundo dixo, con estes galardóns estase recoñecendo o talento e a excelencia en prol da conservación, a difusión e a posta en valor do Camiño de Santiago.
Román Rodríguez aproveitou o acto de entrega destes premios para poñer en valor o papel das asociacións “que contribúen dun xeito fundamental á permanencia dun fenómeno onde o factor humano resulta insubstituíble”, e o traballo empresarial “que incide directamente na creación de valor e emprego”.
O conselleiro tamén asegurou que con estes galardóns se recoñece a investigación patrimonial e a aposta pola educación dos máis cativos, xa que con formación, sensibilización e investigación contribuímos a que “o noso patrimonio teña, ademais de presente, futuro”.
Premiados
Na primeira categoría, destinada a distinguir as iniciativas dos concellos polos que discorren as diversas rutas do Camiño de Santiago, recaeu o primeiro premio no concello de Ordes, polo seu coidado nas labores de roce e limpeza do Camiño, primando o realizado na ruta do Camiño Inglés; e o segundo, no concello de Portomarín, pola organización do Camiño a través de medidas como a peonalización do casco histórico para facilitar a estadía dos peregrinos, a instalación de moblaxe urbana, o deseño de planos de rúas e códigos QR, a posta en valor de bens patrimoniais e outras medidas de divulgación do Camiño.
O primeiro premio da segunda categoría, destinada a distinguir as actuacións desenvolvidas polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, recoñeceu o traballo da Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Ávila polo seu impulso continuado do Camiño e as numerosas actividades en torno a él, como a sinalización de rutas alternativas ás estradas, o apoio na limpeza, a xestión de albergues así como a edición de publicacións divulgativas da Ruta Xacobea. O segundo premio recaeu na Asociación Gaditana Jacobea - Vía Augusta polo seu impulso do Camiño a través da realización de numerosas actividades e a súa protección nas terras onde se localiza a asociación.
Na terceira categoría, destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades desenvolvidas por as pequenas e medianas empresas, o primeiro premio foi para a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas- Betanzos en recoñecemento ao proxecto de mellora do Camiño Inglés levado a cabo na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo. O segundo premio desta categoría recibiuno María Varela Mosquera, da empresa de turismo rural A Parada das Bestas pola rehabilitación do inmoble con criterios de bioconstrución e respecto polo contorno, a recuperación de receitas de peregrinos medievais a través da investigación, e a participación en actividades relacionadas coa gastronomía no Camiño de Santiago.
Por último, a cuarta categoría premiou ao Grupo de Investigación Cultural e Sociedades no Mundo Ibérico desde a Idade Media, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, ao Colexio de Educación Infantil e Primaria Belesar, de Baiona; e ao IES Plurilingüe San Rosendo, de Mondoñedo, polo seu labor académico, educativo e de investigación.