Unha delegación do programa mexicano SPAMEX visita Galicia por constituir unha rexión estratéxica no sector turístico
O grupo, que está a realizar un intercambio de tres meses en España, mantivo un encontro coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no Centro Superior de Hostalería de Galicia
Durante a xuntanza, puideron coñecer os recursos turísticos máis importantes e estratéxicos que fan de Galicia un destino diferencial e multiexperiencial
Así mesmo, os estudantes mexicanos afondaron no Camiño de Santiago e a súa xestión e promoción que converteron a ruta xacobea nun referente internacional do fenómeno das peregrinacións
Unha delegación do programa mexicano SPAMEX formada por unha trintena de estudantes de Turismopuido coñecer a nosa comunidade por constituír unha rexión estratéxica no sector turístico.
Este programa de becas desenvolvido polo goberno de México da a oportunidade a estudantes con méritos excepcionais a completar a súa formación cunha estanza de tres meses no noso país.
Durante a súa estadía, os alumnos mantiveron un encontro coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no Centro Superior de Hostalería de Galicia.
Durante a xuntanza, o grupo de estudantes puido coñecer os recursos turísticos máis importantes e estratéxicos da nosa comunidade que fan de Galicia un destino diferencial e multiexperiencial.
Neste senso, Nava Castro expuxo as múltiples posibilidades que ofrece a comunidade galega como destino resaltando a cultura, a natureza, o termalismo, a gastronomía e a enoloxía, entre outros recursos.
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta destacou a importancia de contar cun plan estratéxico específico para o turismo desenvolvido coa participación dos axentes público e privados implicados presentando ao grupo o Plan Integral de Turismo de Galicia.
Por outra parte, Nava Castro explicou a organización turística territorial na comunidade galega a través dos xeodestinos, creados para territorializar e homoxeneizar a oferta turística de Galicia, como novo xeito de promocionala e comercializala e co obxectivo de optimizar a súa posta en valor e facela máis accesible.
Camiño de Santiago
Os alumnos mexicanos puideron coñecer a fondo o Camiño de Santiago e a súa xestión e promoción que converteron a ruta xacobea nun referente internacional do fenómeno das peregrinacións.
O xerente do Xacobeo falou das principais actividades que desenvolve Turismo de Galicia arredor da Ruta Xacobea, tanto no eido da promoción como da xestión das distintas rutas que conforman o Camiño en Galicia.
Neste senso, Sánchez Bargiela referiuse ao Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021, como elemento fundamental do desenvolvemento futuro deste Primeiro itinerario cultural europeo.
Centro Superior de Hostalería de Galicia
O grupo mexicano tivo, así mesmo, a oportunidade de visitar o Centro Superior de Hostalería de Galicia acompañados pola directora do mesmo, Marta Fernández.
Así, os estudantes puideron coñecer un dos máis prestixiosos centros de formación do sector turístico a nivel internacional que se sitúa á vangarda da formación.