07 xan 2016

Nava Castro destaca o investimento de 1,3 millóns de euros para sinalizar e facer máis accesibles os recursos turísticos do rural

A directora de Turismo de Galicia visitou a Ribeira alta do Miño, onde o departamento que dirixe instalou 18 paneis de sinalización monumental e planimétrica dos principais recursos desta zona

A demanda turística nos establecementos de turismo rural medrou o pasado ano un 21,6% no eido dos viaxeiros aloxados e un 16,2% en pernoitas

“Dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico accesible. Este é o obxectivo, segundo manifestou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, da liña de subvencións de máis de 1,3 millóns de euros que destinou en 2005 o departamento que dirixe para a sinalización turística nesta contorna.

Nava Castro, que visitou a Ribeira alta do Miño, onde Turismo de Galicia instalou 18 paneis de sinalización monumental e planimétrica dos principais recursos da zona, manifestou que con iniciativas como esta estase a consolidar a Comunidade galega como un destino turísticos accesible para todos e potenciando o medio rural, o que contribúe a incrementar así as súas cifras de demanda.

Para a directora de Turismo de Galicia, entre os principais obxectivos do seu departamento está o desenvolvemento do territorio de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sostibilidade, e así “traballamos pola potenciación do turismo e dos seus recursos como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial”.

Accións desenvolvidas
Segundo explicou en Lugo Nava Castro, mediante esta liña de subvencións dáselle pulo á mellora da accesibilidade física e á sinalización dos recursos turísticos coma os espazos naturais, os miradoiros e as rutas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais ou os bens culturais, que constitúen un grande atractivo para quen nos visita.

Deste xeito, grazas a estas axudas, os concellos do medios rural puideron levar a cabo obras de construcción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos ao recurso, así como a construcción de pasarelas e ramplas coa conseguinte eliminación de barreiras arquitectónicas.

Ademais, engadiu a directora de Turismo de Galicia, esta liña de axudas posibilitou a construcción, rehabilitación e mellora das instalacións que contribuén a optimizar os accesos e a circulación dos visitantes.

Con este investimento do departamento de Turismo da Xunta de Galicia, os concellos do rural tamén se beneficiaron da mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, ademais da sinalización, información visual e información táctil.

Demanda turística en turismo rural
Polo que respecta á demanda turística nos establecementos rurais de Galicia, segundo os últimos datos do INE, Galicia rexistrou o pasado ano unha mellora notable neste eido, superando nun 21,6% a cifra de viaxeiros aloxados e nuns 16,2% no nivel de pernoitas do mesmo período do 2014.

Este segmento acadou así en 2015 un máximo histórico de volumen de viaxeiros aloxados nun ano non Xacobeo, con máis de 181.000.

Arriba