10 out 2016

O Circuito Sénior de Golf Turismo de Galicia consolídase como un evento de referencia a nivel nacional

O Campo de Golf Balneario Mondariz acolle esta semana a súa fase final trala finalización das probas clasificatorias celebras nas comunidades de Madrid, La Rioja, Navarra, País Vasco e Asturias

O torneo está a situar Galicia como destino ideal para o xogador de golf de máis idade atraendo a numerosos xogadores de ámbito nacional

O circuíto constitúe unha importante ferramenta de promoción para Galicia como destino de turismo activo e deportivo no que ademais se complementa con outras actividades coma o termalismo, a gastronomía ou a enoloxía

O Campo de Golf Balneario Mondariz acolle esta semana a fase final do VI Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia trala finalización das probas clasificatorias celebras nas comunidades de Madrid, La Rioja, Navarra, País Vasco e Asturias.

Os vinte xogadores clasificados destas fases previas disputarán unha competición de dous días -onte e hoxe- nun torneo que se consolidou como un evento de referencia a nivel nacional dentro do programa de competicións do segmento de xogadores sénior en España.

Así mesmo, de maneira paralela ao circuíto oficial, terá lugar unha competición para os acompañantes, invitados así como aquelas persoas que adquiriron o paquete deseñado para iso nesta fase final que contará coa participación dun total de 47 xogadores.

O Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia combina tres atributos específicos integrados nas fortalezas da oferta turística galega: termalismo, gastronomía e campos de golf.

Así, os obxectivos deste torneo de golf sénior son, por unha parte, situar Galicia como o destino ideal para o xogador de golf de máis idade e atraer os xogadores nacionais deste perfil para que visiten a comunidade galega, ofrecéndolles unha alternativa turística diferenciada e altamente valorada por estes.

Ademais, esta iniciativa facilita tamén a presentación da oferta de campos e servizos turísticos mediante un produto estratexicamente diferenciado.

Golf sénior e oferta complementaria

Outro dos obxectivos deste circuíto é ofrecer un programa concreto e atractivo para o xogador e colectivo sénior que se está convertendo nun segmento de grande importancia no sector do golf en España.

Neste sentido, o Circuíto de Golf Senior Turismo de Galicia constitúe unha ferramenta de promoción para Galicia como destino de turismo activo e deportivo no que ademais se complementa con outras actividades paralelas coma o termalismo, a gastronomía ou a enoloxía.

Arriba