Galicia asume as funcións de coordinación da marca España Verde
Galicia encargarase durante este ano de coordinar as actividades de promoción das catro comunidades que integran o convenio: Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco
Nava Castro destaca a importancia do intercambio de experiencias de investigación, promoción e dinamización turística e cultural dos territorios socios para a consolidación da España Verde como un destino competitivo e de calidade
A 36 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, acolleu o acto de traspaso de funcións de coordinación da España Verde a alianza turística que aglutina ás rexións cantábricas co obxectivo de promocionar a súa imaxe no exterior.
Neste ano, Galicia será a encargada de coordinar as actividades de promoción das catro comunidades que integran o convenio: Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco.
Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia destacou que este órgano converteuse nunha peza fundamental para a promoción do norte peninsular.
Segundo sinalou Nava Castro, as cifras ano tras ano veñen confirmando a validez deste instrumento de colaboración impulsado polas catro comunidades autónomas do Norte de España.
Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta destacou a importancia do intercambio de experiencias de investigación, promoción e dinamización turística e cultural dos territorios socios deste proxecto para a consolidación da España Verde como un destino competitivo e de calidade.
“Desde Galicia continuaremos apostando por este convenio interrexional e contribuíndo a reforzar as accións de promoción turística internacional que posibiliten o posicionamento deste destino que conformamos Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco para seguir, así, atraendo turistas aos nosos territorios”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.