07 mar 2016

A Xunta promove o turismo de congresos no ‘Meeting & incentive summit’, un dos certames máis importantes de España

Turismo de Galicia presentará a oferta galega para reunións e viaxes de empresa entre 200 operadores nacionais e 50 internacionais

Os participantes nesta xuntanza profesional son clientes corporativos, xestores de asociacións, axencias de viaxes e empresas especializadas na organización de eventos

A oferta turística galega para a organización de congresos e viaxes de distintos colectivos profesionais estará presente desde hoxe no certame Meeting & Incentive Summit, que se celebrará no Pazo municipal de Congresos de Madrid.

Nesta xuntanza profesional póñense en contacto a oferta e a demanda canto á organización de congresos e viaxes profesionais, que nesta edición estará representada por máis de 250 operadores, dos que 200 representan ao mercado nacional e 50 ao internacional.

Deste xeito, Turismo de Galicia terá a oportunidade de promover as infraestruturas, os produtos e os servizos turísticos da Comunidade galega relacionados co desenvolvemento desta modalidade turística nun dos certames especializados máis importantes de España.

Xuntanzas con operadores turísticos
Meeting & Incentive Summit desenvolverase no formato workshop, no que Turismo de Galicia manterá xuntanzas de traballo con distintas axencias de viaxes, organizadores de viaxes de incentivo e clientes corporativos para apoiar a comercialización desta modalidade turística.

Ademais, nesta xuntanza profesional terán lugar distintas accións formativas, de xeito que as reunións de traballo mesturaranse con presentacións e relatorios sobre o sector da organización de congresos.

Este certame está organizado polo Grupo Eventoplus, unha das más mellores axencias españolas dedicadas á organización de eventos que conta cunha traxectoria de máis de 15 anos no sector.

No que vai de ano, Turismo de Galicia xa participou no evento ConfecRed 2016 que reuniu o pasado mes de febreiro en Abu Dhabi aos principais axentes británicos especializados na compra de viaxes relacionados co turismo de negocios aos que Turismo de Galicia presentou as posibilidades que ofrece a Comunidade galega nesta modalidade turística.

No eido da promoción dos congresos, viaxes de incentivo e convencións, Turismo de Galicia ten previsto participar nos 11 eventos máis destacados que se celebrarán en Europa en 2016 e que están relacionados cos principais mercados internacionais.

Así, durante este mes de marzo, Turismo de Galicia particpará tamén no Salon Réunir de París, co fin de promover a organización de congresos na Comunidade galega entre os operadores turísticos franceses.

Arriba