25 abr 2016

Turismo de Galicia homenaxea en Seul á escritora Kim Nan Hee, autora do libro sobre o camiño ‘A viaxe dunha muller soa’

A Embaixada de España na capital de Corea do Sur acolleu o acto de recoñecemento no que participou a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e o titular da delegación española Gonzalo Ortiz.


O pasado ano 4.073 persoas procedentes de Corea realizaron o Camiño de Santiago o que situou a este país no noveno lugar en canto ás peregrinacións a Compostela.

Carmen Pita e a escritora coreana Kim Nan Hee

A escritora coreana Kim Nan Hee recibiu en Seúl o recoñecemento de Turismo de Galicia polo seu labor a prol da difusión do Camiño de Santiago en Corea do Sur, nun acto celebrado na Embaixada de España na capital do país asiático, no que participaron, entre outras persoas, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e o embaixador Gonzalo Ortiz Díez-Tortosa.

Kim Nan Hee, residente na capital surcoreana, recibiu por parte de Turismo de Galicia unha escultura dun peregrino realizada por un artista galego e o agradecemento da directora de Promoción deste departamento da Xunta, ademais das palabras de recoñecemento por parte do embaixador de España en Seúl.

Kim Nan Hee realizou o Camiño Francés de Santiago e no ano 2006 publicou o libro ‘A viaxe dunha muller soa’. Trátase dun diario de viaxe que enseguida alcanzou un alto nivel de ventas, contribuíndo substancialmente á difusión da Ruta Xacobea no país asiático.

A escritora surcoreana participou logo en distintas actividades editoriais relacionadas co Camiño de Santiago e mesmo colaborou cunha produción audiovisual coreana relativa á Ruta Xacobea.

Peregrinos coreanos
No ano 2015, Corea do Sur situouse como o noveno país estranxeiro que achegou máis peregrinos ao Camiño de Santiago, cun total de 4.073 persoas, un 6% máis que no ano 2014.

Polo que respecta ao que vai do ano 2016, xa son 677 os coreanos que percorreron o Camiño de Santiago, o que supón un 3% máis que no mesmo período de ano anterior.

No ámbito da promoción do Camiño de Santiago en Corea do Sur, Turismo de Galicia realiza distintas actividades para promover a Ruta Xacobea no país asiático como son a organización de viaxes para dala a coñecer entre asociacións de peregrinos e operadores turísticos, a participación en foros de difusión cultural, as relacións institucionais coas autoridades locais, rexionais e nacionais deste país, entre outras.

Arriba