A exposición ‘Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago’ chega ao seu fin despois de acoller 5.800 visitantes
A exposición de carácter divulgativo e didáctica foi promovida por Turismo de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela
A iniciativa enmárcase na candidatura do Códice Calixtino para a súa inclusión no Rexistro Internacional da Memoria do Mundo da UNESCO
A mostra percorreu diversas cidades europeas e españolas antes de chegar a Santiago onde acadou un gran éxito de visitas
A exposición ‘Á luz do Calixtino. O Códice de Santiago’ organizada por Turismo de Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, chegou ao seu fin despois de acoller un total de 5.800 visitantes.
A mostra celebrada como apoio á candidatura do Códice Calixtino para a súa inclusión no Rexistro Internacional da Memoria do Mundo da UNESCO, percorreu diversas cidades europeas e españolas antes de visitar Santiago onde acadou un gran éxito de visitas.
A exposición mostrou durante preto de dous meses textos, fotografías, o facsímil do documento, pezas orixinais así como recreacións audiovisuais baseadas en datos do Libro V do Códice onde a creatividade contemporánea formaba parte do proxecto.
Así mesmo, ademais de varias láminas orixinais do artista Francisco Leiro, que forman parte da primeira versión completa do Calixtino en lingua galega, a exposición deu a coñecer unha serie de fotografías actuais do Camiño de Santiago, de artistas como Luís Gabú, Santy López, Manuel Valcárcel, Margen Fotografía, Eutropio Rodríguez e Silvia Steinbach, que ilustran a vixencia dunha serie de textos orixinais do Liber Sancti Iacobi.
A mostra ofreceu, deste xeito, unha maridaxe entre o pensamento do século XII e a vivencia da peregrinación compostelá no século XXI.