16 mai 2016

A exposición “Galicia, Casa dos Peregrinos” recibe 2.500 visitas nos seus primeiros dez días

A mostra está aberta ao público ata o 29 de xuño no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela.


Forma parte da programación especial de actividades que Turismo de Galicia puxo en marcha con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia.


Afonda na restauración do patrimonio cultural, a celebración de eventos especiais e a colaboración das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

 A exposición “Galicia, Casa dos Peregrinos” superou as 2.500 visitas nos seus primeiros dez días. A mostra, inaugurada o pasado día 2, estará aberta ao público ata o vindeiro 29 de xuño no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela.

A mostra forma parte da programación especial de actividades que Turismo de Galicia puxo en marcha con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que supón un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral nun ano non Santo.

A exposición afonda na restauración do patrimonio cultural, a celebración de eventos como os Anos Santos ou os anos de especial interese e o traballo realizado en colaboración coas numerosas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, espalladas por todo o mundo. Tamén aborda aspectos da colaboración con outros itinerarios culturais de Europa como o Kumano kodo ou o Camiño de Shikoku.

Así mesmo, pon en valor a dimensión internacional que supón a peregrinación xacobea e invita a reflexionar sobre a recuperación dos Camiños de Santiago en Galicia. Tamén reflicte cuestións relativas á creación da rede pública de albergues, conformada na actualidade por un total de 70 establecementos e que materializa a solidariedade e hospitalidade xacobea.

Arriba