Turismo de Galicia e o consorcio da Ribeira Sacra inauguran as viaxes en globo do programa ‘Pasaporte ás nubes’
Os turistas deste xeodestino poderán participar no sorteo de 36 voos para dúas persoas, o cal se realizará no mes de outubro
Preténdese fidelizar ao visitante, que debe reunir 8 selos de establecementos locais como restaurantes, aloxamentos e bodegas ou por actividades realizadas na zona
No primeiro cuadrimestre de 2016 aumentaron nun 3,2% os viaxeiros aloxados e nun 9,9% as pernoitas na Ribeira Sacra
Recentemente realizouse dende Monforte de Lemos a viaxe inaugural en globo aerostático pola Ribeira Sacra para dar a coñecer o programa “Pasaporte ás nubes” que Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra puxeron en marcha.
A iniciativa, incluída nun convenio asinado recentemente entre as dúas administracións, pretende fidelizar aos visitantes da rexión, premiando o seu consumo en establecementos turísticos locais mediante o sorteo de 36 viaxes para dúas persoas para que poidan contemplar a Ribeira Sacra dende o ceo.
O pasaporte solicítase en calquera dos 124 establecementos participantes ou nas oficinas de información turística do destino. Durante a estancia na Ribeira Sacra, o visitante vai acumulando selos en restaurantes, aloxamentos, museos e outras moitas actividades como visitas a bodegas. Unha vez reunidos 8 selos, a credencial debe depositarse nas urnas habilitadas nas oficinas de información turística e participar, deste xeito, no sorteo, que se celebrará no mes de outubro.
Outras accións do convenio
O convenio no que se enmarca a actividade “Pasaporte ás nubes” está dotado con 250.000 euros, dos que Turismo de Galicia achega 200.000 euros, para a promoción turística da Ribeira Sacra como destino de interior e prevé actuacións para mellorar os soportes de información, incrementar as accións de promoción e aumentar a oferta turística da Ribeira Sacra.
O acordo beneficia aos 21 concellos que conforman a Ribeira Sacra: os municipios lucenses da Pobra do Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada; e as entidades locais ourensás da Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e Xunqueira de Espadanedo.
Outras actuacións que se desenvolverán grazas a este convenio son o deseño novos materiais informativos e planos turísticos da Ribeira Sacra e a posta en marcha de novos produtos como as “Rutas do Románico”, consistentes en visitas organizadas a mosteiros, igrexas e capelas, posibilitando o acceso do visitante ás mesmas e co valor engadido das explicacións especializadas dun guía oficial.
Tamén se levará a cabo a “Party Ribeira Sacra”, un xogo dirixido a sensibilizar escolares sobre a rexión, e a programación da “Caída da Folla”, consistente en actividades como talleres de fotografía ou recorridos paisaxísticos pola zona durante o outono, época do ano na cal a Ribeira Sacra presenta gran beleza pola policromía da súa vexetación.
Ademais, impulsarase o enoturismo e a viticultura na rexión organizando a oferta turística en torno a este sector con iniciativas como a do “Viñobús” e estudarase a organización dun festival de sendeirismo. Así mesmo, para recuperar espazos públicos degradados, executaranse murais exteriores de arte urbana.
Datos do turismo no xeodestino
Esta non é a primeira vez que Turismo de Galicia fai unha achega deste tipo para a promoción turística da Ribeira Sacra. O convenio constitúe unha continuación da colaboración establecida nesta área a través dos Plan de Dinamización Turística e Excelencia Turística e os seus posteriores convenios.
Neste sentido, este traballo conxunto está tendo un impacto positivo neste xeodestino turístico. No pasado ano, a Ribeira Sacra rexistrou un incremento do 12,5% nos viaxeiros aloxados en establecementos hostaleiros, superando os 173.000 viaxeiros, e un aumento do 9,7% nas pernoitas efectuadas polos mesmos, contabilizando máis de 258.000. Este aumento da demanda tamén se traduciu nun aumento da ocupación de 2 puntos porcentuais.
No primeiro cuadrimestre de 2016 obtivéronse aínda resultados máis positivos ao aumentar nun 3,2% os viaxeiros aloxados e nun 9,9% as pernoitas.