04 xuñ 2016

Turismo de Galicia presenta en Vigo o proxecto de decreto de vivendas de uso turístico ao sector hostaleiro, propietarios, inmobiliarias e intermediarios


A normativa será pioneira na Comunidade ao regular por primeira vez o aluguer de vivendas de uso turístico, requisitos que entrarán en vigor despois do verán

Ofrecerá seguridade xurídica e resolverá as problemáticas do actual mercado

Turismo de Galicia presentou na Cámara de Comercio de Vigo, o novo borrador de decreto que a Xunta de Galicia elaborou en materia de vivendas de uso turístico. Á sesión informativa asistiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director de Competitividade deste organismo, José Luis Maestro, ademais de representantes do sector hostaleiro vigués, así como todas aquelas persoas e entidades interesadas. 

Esta normativa é pioneira en Galicia posto que regulará por primeira vez na Comunidade as vivendas de uso turístico, que poden ser arrendadas por empresas ou por particulares. Neste suposto, o decreto obriga ao rexistro público destas vivendas cando se aluguen por un período inferior a 30 días e máis dunha vez ao ano. Estas novidades entrarán en vigor despois do verán.

O decreto tamén aborda os apartamentos turísticos e as vivendas turísticas. Neste caso, a súa explotación é realizada exclusivamente por empresas turísticas. En ambos os casos actualízanse as condicións requiridas ata a actualidade dado que estas dúas categorías xa estaban reguladas na Comunidade dende o ano 2011. Para os demais supostos de aluguer, cun fin non turístico, mantense a Lei estatal de Arrendamentos Urbanos.

É na nova categoría onde se introducen as principais novidades, que están sendo explicadas nas sesións informativas que Turismo de Galicia está levando a cabo en distintos puntos da Comunidade coa finalidade de informar e de recoller as opinións do sector hostaleiro e tamén de todos os particulares e entidades interesadas.

Os novos requisitos para as vivendas de uso turístico consisten en que deben ser inscritas nun rexistro público cando estas sexan alugadas por menos de 30 días e máis dunha vez ao ano. Así mesmo, deberán cumprir cunhas condicións mínimas, que se detallan na normativa. O obxectivo é integrar correctamente estas vivendas no mercado do aluguer e ofrecer a seguridade xurídica que demandan o sector hostaleiro, os propietarios, as administracións e os consumidores e usuarios.

Neste sentido, o decreto erradicará problemáticas existentes do actual mercado e dará seguridade xurídica ás persoas usuarias.

Necesidade dunha nova regulación
A elaboración desta normativa vén dada pola combinación de dous factores: a obriga de regular unha competencia autonómica e a necesidade de adaptarse ás novas tendencias no mercado do alugueiro de vivendas para ofrecer un marco xurídico a todos os axentes implicados.

A irrupción das novas tecnoloxías no aluguer de vivendas vacacionais e a tendencia a destinar a este fin a vivenda habitual fan necesario adaptarse á nova realidade para ofrecer seguridade xurídica tanto aos particulares como ao sector ante un novo tipo de aloxamento turístico. 
 

Arriba