Turismo de Galicia recibe o premio ao mellor stand de promoción na feira Sacroexpo de Polonia
Trátase dun dos certames de turismo relixioso máis importantes do centro de Europa
Turismo de Galicia participa cun espazo propio no que se promove o Camiño de Santiago e a oferta cultural galega en xeral
No que vai de ano, preto de 1.000 peregrinos polacos realizaron xa a Ruta Xacobea mentres que o número de turistas medrou un 23% en relación ao mesmo período do ano anterior
A modernidade da estrutura e a orixinalidade no xeito de presentar o Camiño de Santiago e o destino Galicia foron os méritos, a xuízo dos organizadores da feira Sacroexpo de Polonia, para outorgarlle o premio ao mellor stand ao recinto que Turismo de Galicia instalou neste certame que se celebra esta semana na cidade polaca de Kielce.
O departamento de Turismo da Xunta participa nesta feira de xeito habitual dado que constitúe unha das citas máis importantes de Centroeuropa no ámbito do turismo relixioso, na que están presentes distintas asociacións, confrarías e outros colectivos de carácter relixioso, tanto de Polonia como dos países limítrofes.
Deste xeito, Turismo de Galicia conta cun recinto no que, ademais do Camiño de Santiago, promóvese a oferta cultural da Comunidade galega e de xeito xeral o destino Galicia.
Demanda polaca
No relativo á demanda turística, con preto de 21.000 viaxeiros e 30.300 pernoitas, o mercado polaco supuxo en 2015 preto do 2% do total internacional de Galicia no ano 2015.
Trátase dun mercado en crecemento que presenta un comportamento moi positivo superando nun 37,5% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 5,8% o nivel de pernoitas do anterior ano 2014.
No primeiro cuadrimestre deste ano 2016 continúa a tendencia alcista no que respecta á chegada de turistas polacos ao rexistrase incrementos tanto da cifra de viaxeiros aloxados -do 23%- coma das pernoitas -que soben neste caso un 14%- en relación ao mesmo período do ano anterior.
Polo que respecta á demanda polaca no relativo á Ruta Xacobea, no que vai de ano, preto de 1.000 peregrinos realizaron o Camiño de Santiago, o que supón unha suba de máis do 1% en relación ao mesmo período do ano pasado.
Colectivos xacobeos
En Polonia existen máis dunha trintena de asociacións e colectivos que traballan en torno ao Camiño de Santiago que nos últimos anos sinalizaron máis de 4.500 quilómetros de rutas xacobeas neste país.
Estes colectivos continúa incrementándose na actualidade. Recentemente a rexión de Cuyavia-Pomerania solicitou a súa integración na Federación Europea do Camiño de Santiago, na súa asemblea xeral celebrada a principios de xuño en Vila Pouca de Aguiar.