Turismo de Galicia leva a Viveiro a exposición itinerante 'Via Iacobitana'
Trátase dunha colección de imaxes realizadas por fotógrafos galegos que se converteron en peregrinos para plasmar a súa visión sobre a Ruta Xacobea
A exposición xa puido verse en Santiago de Compostela e Ribadeo e visitará tamén outras cidades como Pontevedra, Fene, Valdoviño e Ourense
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, realizou hunha visita á exposición itinerante ‘Via Iacobitana’ que acolle, dende a pasada semana e ata o próximo 24 de agosto, a Biblioteca Municipal de Viveiro.
Trátase dunha colección de fotografías sobre o Camiño de Santiago realizadas por fotógrafos galegos que se converteron en peregrinos para plasmar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a Ruta Xacobea.
A través das imaxes que se expoñen contémplanse diversos itinerarios en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes, os romeiros, os veciños e o patrimonio cultural que atesouran dende a óptica persoal do autor, que lle imprime personalidade.
Este traballo permite aumentar o legado iconográfico xacobeo existente e tamén perpetuar no tempo os instantes da Ruta e as vivencias dos que a realizan, así como poñer en valor o labor de grandes profesionais galegos.
Grazas ao acordo asinado recentemente entre Turismo de Galicia e Viaqua, a exposición estivo xa en Santiago de Compostela e Ribadeo e visitará tamén outras cidades de Galicia como son Pontevedra, Fene, Valdoviño e Ourense para amosar o Camiño dende unha perspectiva artística contemporánea.
A mostra pode visitarse de forma gratuíta de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e os martes e xoves de 18:00 a 21:00 horas.
Esta actividade enmárcase na programación especial da celebración do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se iniciou o 8 de decembro de 2015 e se estenderá ata o 20 de novembro de 2016.
Exposición Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago
Por outra parte, Tui acolle dende a pasada semana a exposición 'Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago' que recolle unha selecta colección de fotografías de Manuel G. Vicente.
A mostra, que pode visitarse na Sala Municipal de Exposicións ata o 4 de setembro, aglutina decenas de fotografías tomadas dende finais dos 90 ata hoxe en diferentes albergues e puntos do Camiño nos que os hospitaleiros voluntarios desenvolven a súa labor.
A exposición explica, a través das fotografías, como a medida que se avanza no Camiño, prodúcese unha comunicación a varios niveis: con un mesmo, coa propia Ruta Xacobea e cos compañeiros de Camiño, cos hospitaleiros e os paisanos.