19 dec 2016

Nava Castro aposta pola formación para mellorar a calidade do sector termal galego e da experiencia turística

Galicia sitúase á cabeza de España ao concentrar o 20% da oferta termal de todo o Estado cunha vintena de balnearios

A Comunidade é unha das rexións xeotérmicas máis importantes do mundo, con 300 mananciais e sete clases de auga mineiro medicinal das oito que existen

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a importancia da formación e da investigación para mellorar a calidade do sector termal galego, “clave no desenvolvemento económico e social” da Comunidade xa que Galicia presenta o 20% da oferta termal de todo o Estado, situándose á cabeza.

A directora fixo estas declaracións durante a presentación do libro Hojas para el recuerdo, editado pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia con motivo da celebración do 1º centenario do Manual de Patología General do Profesor Roberto Novoa Santos.

Nava Castro afirmou que o fomento e o coñecemento do patrimonio termal e das súas propiedades son un “valor estratéxico” para toda a Comunidade. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego mantén unha “firme aposta” pola Cátedra de Hidroloxía Médica, que conta con financiamento autonómico.

A directora de Turismo asegurou que esta aposta pola formación repercute directamente na imaxe do sector e na calidade do destino ao conseguir profesionais de alto nivel para a dirección e a planificación de actividades, empresas e entidades turísticas, así como para a formación de expertos que orienten a súa carreira profesional ao ámbito da investigación nesta área.

Experiencias turísticas singulares
Ademais, Nava Castro avogou polo sector termal como un dos principais elementos endóxenos para xerar experiencias turísticas singulares na Comunidade grazas aos máis de 300 mananciais galegos e sete clases de augas mineiro medicinais, das oito que existen no mundo, que postulan a Galicia como unha das rexións xeotérmicas máis importantes de Europa.

Por iso, a directora enxalzou o termalismo como un forte atractivo para visitar a Comunidade, con máis dunha vintena de balnearios que ofrecen experiencias de mellora do benestar e da saúde e que incluso se converteron en importantes centros de ocio.

Arriba