23 xan 2017

Turismo de Galicia publica dúas liñas de subvencións dotadas de preto de 2.700.000 euros para o impulso do turismo rural

 

A primeira liña de subvencións está dirixida á cooperación entre pequenos operadores turísticos para organizar procesos de traballo conxunto e compartir instalacións e recursos, así como para o desenvolvemento e a comercialización do turismo

A outra está destinada ao fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos do medio rural galego

Ambas ordes de axudas publicáronse no Diario Oficial de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publicou dúas liñas de axudas que Turismo de Galicia outorgará neste ano 2017 para o impulsar do potencial turístico do medio rural galego.

A primeira liña de subvencións está dirixida á cooperación entre pequenos operadores turísticos para organizar procesos de traballo conxunto e compartir instalacións e recursos, así como para o desenvolvemento e a comercialización do turismo.

O obxectivo desta liña de axudas dotada de preto de 666.667 euros é fomentar a coordinación entre pequenos operadores económicos das áreas rurais para permitirlles adquirir en común unha escala económica da que carecen individualmente.

Os requisitos destas iniciativas é que a participación destes axentes estea vinculada a microempresas, consorcios ou asociacións e que o proxecto teña unha orientación comercial. Deste xeito, con estas subvencións prestarase apoio a aquelas actividades que poñan en valor e dinamicen economicamente as zonas rurais a través da oferta conxunta de dous ou máis operadores turísticos.

Así, os proxectos subvencionables consistirán no deseño, creación promoción e comercialización de produtos turísticos de Galicia e as actividades deberán ser realizadas no ámbito rural de Galicia, é dicir, fora dos sete núcleos de poboación máis grandes da nosa comunidade -A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago-.

Os produtos turísticos obxecto das axudas terán que ter carácter innovador e deberán axustarse a algunha das seguintes liñas temáticas: produtos cabeceira de marca de Galicia, produtos destinados á creación de oferta de turismo familiar ou senior, produtos destinados á xeración dunha oferta distintiva que se acomode ao concepto “que facer en Galicia cando chove”, produtos ou rutas innovadoras e de descubrimento de novos nichos de mercado, produtos construídos baixo a idea da “cultura celta de Galicia”, produtos baseados na creación de fins de semana, pontes ou outros períodos temporais de carácter temático ou que se desenvolvan e valoricen turisticamente os cascos históricos de Galicia.


Accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos do medio rural

A outra liña de subvencións publicada hoxe no DOG está destinada ao fomento da accesibilidade e sinalización nos recursos turísticos do medio rural galego e conta cun crédito total 2.018.123 euros.

O obxectivo destas axudas é continuar dotando ao medio rural de Galicia das infraestructuras e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico accesible para todos.

Así, esta liña de axudas impulsará a mellora da accesibilidade física e a sinalización dos seguintes recursos turísticos: miradoiros, praias marítimas e fluvIais, Bens de Interese Cultural, sendeiros galegos homologados pola Federación Galega de Montañismo e Rutas BTT pertencentes á Xunta de Galicia.

Arriba