13 mar 2017

Turismo de Galicia promvoeuse na feira ITB de Berlín, unha das máis importantes da industria turística no mundo

 A directora de Turismo de Galicia, xunto cunha delegación de máis de trinta empresarios do Clúster galego do sector, participaron na 51ª edición do certame

Por terceiro ano consecutivo, Turismo de Galicia apostou pola colaboración público-privada incluíndo no stand unha área para os encontros comerciais de profesionais

 

Preténdese promover a oferta e servizos turísticos galegos no mercado alemán, o segundo en orde de importancia dentro do segmento internacional e que en 2016 acadou niveis históricos de demanda na nosa comunidade

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada por unha delegación de máis de trinta empresarios pertencentes ao Clúster galego do sector encabezaron a misión turística galega presente na Internationale Tourism Börse, ITB, de Berlín, para promover a oferta e os espazos turísticos galegos no mercado alemán, o segundo mercado emisor máis importante en Galicia.

Trátase dun dos encontros máis importantes do mundo para a industria turística e unha cita imprescindible na axenda anual de Turismo de Galicia, que nesta edición e por terceiro ano consecutivo, apostou pola colaboración público-privada, incluíndo no stand unha área para os encontros comerciais de profesionais.

Os asistentes á ITB coñeceron a ampla oferta turística da nosa comunidade, especialmente daqueles recursos e produtos de especial relevancia para o mercado alemán.

Así, Turismo de Galicia promocionou o Camiño de Santiago e produtos como Paseando entre viñedos, centrado nos recursos enoturísticos da nosa comunidade; Mananciais de Galicia, sobre o potencial do noso termalismo; o Turismo Mariñeiro, coa nosa costa como principal recurso; o patrimonio cultural, con Santuarios Máxicos e Patrimonio Oculto; as praias, con Faros e Praias Salvaxes; a natureza, coa Ruta da Camelia e Bosques de Galicia, así como as contornas máis senlleiras do territorio galego a través dos Lugares Únicos.

Máis de 180.000 visitantes á feira

Ademais, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo durante os días do certame diferentes reunións e encontros con diversos turoperadores e axentes de viaxes co obxectivo de establecer novos contactos comerciais, tanto con aqueles turoperadores que xa traballan o destino Galicia como con aqueles que teñen previsto incluír a nosa comunidade entre a súa oferta.

Na súa 51ª edición participaron na ITB de máis de 10.000 empresas de 184 países que presentaron os seus produtos máis novos e as últimas tendencias do sector global. A cita reúne ano a ano a numerosos asistentes, superando, en 2016 os 180.000 visitantes.

Niveis históricos de demanda do mercado alemán

Coa presenza na ITB, Turismo de Galicia consolida o seu traballo no mercado turístico alemán, o segundo en orde de importancia dentro do segmento internacional. Con máis de 163.000 viaxeiros aloxados e preto de 250.000 pernoitas nos establecementos de Galicia, o mercado alemán consolidouse o ano pasado como o segundo, só por detrás de Portugal, representando o 10,8% do total internacional.

Este mercado amosou, ademais, unha tendencia á alza incrementando a súa cifra de viaxeiros aloxados o pasado ano nun 3,3% e o seu volume de pernoitas nun 3,6%. Así, 2016 foi o cuarto ano consecutivo no que se observou un crecemento do turismo alemán en Galicia, pasando de máis de 167.000 pernoitas en 2012 a preto de 250.000 en 2016. Esta tendencia permitiu a este segmento acadar no pasado ano niveis históricos de demanda.

No que se refire ao mercado alemán no ámbito do Camiño de Santiago, o ano pasado foi tamén o segundo en orde de importancia dentro do segmento internacional, só por detrás de Italia. Superou os 21.000 peregrinos, cun volume total de máis dun 7% sobre o total de peregrinos que recolleron a Compostela en 2016.

Arriba