Turismo de Galicia promove o Camiño de Santiago na principal feira de turismo relixioso de Italia
A demanda de viaxeiros italianos subiu por quinto ano consecutivo e xa é a terceira nacionalidade que máis visitantes achega á nosa comunidade desde o exterior
Tamén é o país estranxeiro con máis peregrinos, 24.149 ao longo do ano 2016, un 8,7% máis que en 2015
O Camiño de Santiago está presente como un dos elementos principais da feira de turismo relixioso Koiné, que se celebra ata o día 14 na cidade italiana de Vicenza.
Para a difusión dos valores da Ruta Xacobea neste mercado turístico, Turismo de Galicia instalou un recinto propio no que se darán a coñecer as distintas vías de peregrinación a Compostela, a rede de albergues e outros servizos de apoio ao peregrino, así como a oferta cultural e patrimonial da Comunidade galega.
Nesta feira, aberta tanto aos profesionais do turismo como ao público final, o departamento de Turismo da Xunta de Galicia manterá varias reunións con operadores turísticos especializados e tamén terá a oportunidade de promover o Camiño de Santiago entre o resto de asistentes.
Peregrinos italianos
O italiano é un dos principais mercados internacionais máis importantes para Galicia, principalmente no que se refire ao Camiño de Santiago.
No ano pasado foron 24.149 os peregrinos italianos que recibiron a Compostela, un 8,7% máis que no ano 2015.
Con estes datos, en 2015 e 2016, Italia situouse como o primeiro país estranxeiro que rexistra máis peregrinos achega ao Camiño de Santiago.
Demanda turística
Por outra parte, con preto de 150.000 viaxeiros aloxados e de 215.000 noites nos establecementos de Galicia o mercado italiano sitúase en terceiro lugar en orde de importancia dentro da comunidade, por detrás de Portugal e Alemaña representando en 2016 o 9,4% do total do turismo internacional.
O ano pasado, o mercado italiano presentou incrementou nun 5,1% a súa cifra de viaxeiros aloxados en Galicia e nun 4,1% o nivel de pernoitas do anterior 2015.
O ano 2016 foi o quinto consecutivo no que rexistrouse un crecemento do turismo italiano en Galicia, pasando de 130.000 noites en 2012 a preto de 215.000 en 2016.