Turismo de Galicia presentou en Aragón a experiencia de xestión das rutas xacobeas en Galicia a través do Plan director do Camiño
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou estes días en Jaca nunhas xornadas internacionais organizadas polo Goberno de Aragón e o Concello de Jaca, en colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago
As xornadas, que reuniron a numerosos asistentes interesados na experiencia xacobea, están enmarcadas dentro da política de impulso da promoción e revitalización do tramo aragonés do Camiño Francés
Turismo de Galicia presentou estes días en Aragón a experiencia de xestión das rutas xacobeas que está levando a cabo a Administración autonómica galega a través do Plan director do Camiño de Santiago, a folla de ruta para favorecer a súa conservación e protección na nosa comunidade.
Foi no transcurso dunhas xornadas internacionais sobre o Camiño de Santiago organizadas polo Goberno de Aragón e o Concello de Jaca, en colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago e nas que participou o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.
Ante os numerosos asistentes interesados no Camiño, Rafael Sánchez puxo sobre a mesa a importancia que está a ter en Galicia o Plan Director do Camiño para a conservación e protección das rutas atendendo a todos os axentes, públicos e privados, implicados no mesmo.
Elemento de cohesión de Galicia
Referiuse, ademais, ao papel que ten a Ruta Xacobea na nosa comunidade, como elemento de cohesión de Galicia que contribúe ao seu desenvolvemento social e económico. Tamén se referiu ao seu valor como marca e identidade colectiva e á necesidade de conservar os valores que singularizan o Camiño: a espiritualidade, identidade histórica, valor patrimonial e intercambio multicultural.
Estas xornadas internacionais estiveron impulsadas desde o departamento de Vertebración do Territorio, Mobilidade e Vivenda do Goberno de Aragón coa colaboración do Concello de Jaca e a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago.
Estaban enmarcadas dentro da política do Goberno de Aragón para impulsar a promoción e revitalización do tramo aragonés do Camiño Francés, onde se está traballando na elaboración dunha directriz para o impulso do Camiño como unha ferramenta para o desenvolvemento social e económico da comarca da Jacetania e Cinco Villas.