17 abr 2017

A Xunta licita a redacción dos proxectos de integración paisaxística dos Camiños de Santiago, que contribuirán a consolidar a imaxe de Compostela como referente turístico de cara ao Xacobeo 2021

 Na redacción dos proxectos teranse en conta aspectos urbanísticos, ambientais, culturais e de mobilidade para dotar dunha visión transversal as distintas intervencións, xa sexan en zonas rurais, nos barrios ou na zona histórica

 

 A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, avanzou  que a Xunta licita hoxe a redacción dos proxectos das obras de mellora e integración paisaxística dos Camiños de Santiago na súa entrada á cidade co obxectivo de que todas as actuacións estean culminadas para o Xacobeo 2021.

Este contrato para a redacción dos proxectos construtivos, cuxa licitación se publica hoxe na Plataforma de Contratación por un importe dun millón de euros, inclúe tarefas de control e vixilancia durante a execución das obras e prevé unha interlocución continua e directa con todos os organismos e administracións implicadas. Así, redactaranse catro proxectos construtivos, un por cada actuación prevista: dúas delas no Camiño Francés, unha no Portugués e outra no Inglés; xunto coas obras complementarias de adecuación do espazo público na contorna do Camiño.

Vázquez Mourelle explicou que en setembro se adxudicará o contrato para ter os primeiros proxectos redactados a finais deste ano e iniciar a contratación das obras de maneira inmediata. Precisou que estes traballos de integración paisaxística no seu conxunto, suporán cando menos un investimento estimado de 4,2 millóns de euros.

Forma e funcionalidade

O director da AXI sinalou que na redacción dos proxectos construtivos teranse especialmente en conta aspectos urbanísticos, ambientais, culturais e de mobilidade para dotar dunha visión transversal as distintas intervencións que se executen, xa sexan en zonas rurais, nos barrios ou na zona histórica.

Trátase de que as melloras que se leven a cabo se aborden de forma conxunta e coordinada, que sexan coincidentes en canto a forma e funcionalidade e teñan continuidade co resto dos Camiños. De aí que se busque un tratamento conxunto e homoxéneo para as rutas xacobeas, por exemplo, no referido aos pavimentos ou na anchura e características da sendas. 

Francisco Menéndez puxo como exemplo o Camiño Francés, en zonas como a baixada do Monte do Gozo, onde hai problemas de integración paisaxística, e outros máis básicos de accesibilidade, ou o cruce de Concheiros coa Avenida de Lugo, no que a traza do Camiño parece esvaecerse e o peregrino se desorienta sen saber que dirección tomar.

Excelencia turística

A titular de Infraestruturas subliñou que o Goberno galego aposta por unha imaxe única, capaz de construír identidade, para que a traza dos Camiños de Santiago á súa entrada en Compostela sexa perfectamente recoñecible e identificable e responda ás demandas e necesidades do peregrino do século XXI.

Este proxecto busca crear un sinal de identidade do Camiño a nivel internacional e do que xurdirán directrices que, sen dúbida, tamén servirán de referencia para futuras intervencións nas diferentes Rutas Xacobeas.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que a integración paisaxística das entradas dos Camiños en Compostela contribuirá a consolidar a imaxe de Santiago como referente turístico a nivel internacional e será un revulsivo para o desenvolvemento turístico e económico de toda a comunidade.

Coordinación entre Administracións

A conselleira indicou que para que os peregrinos vexan cumpridas as súas expectativas cando chegan a Compostela, o Goberno galego está a impulsar, en consonancia co Plan Estratéxico e Director do Camiño de Santiago, unha colaboración activa entre as distintas administracións con competencias. Concretou que se busca mellorar, conservar e embelecer o Camiño na súa entrada á cidade.

Trátase de poñer en valor as rutas xacobeas á súa chegada a Compostela e que o Camiño acade un maior protagonismo na trama urbana. Para iso, a mediados do pasado mes de febreiro Xunta e Concello de Santiago asinaron un acordo de colaboración para intervir de forma coordinada sobre os Camiños en Compostela e acadar a excelencia na experiencia do peregrino.

No marco desta colaboración, no que se refire á Xunta, participan a Consellería de Cultura, como órgano competente na protección e promoción do patrimonio cultural de Galicia e dos Camiños de Santiago; a Axencia Turismo de Galicia, que dirixe e coordina as actuacións relacionadas coa posta en valor turístico e cultural do Camiño de Santiago; e a Axencia Galega de Infraestruturas, asume a redacción dos proxectos e a execución das actuacións que se levarán a cabo.

Pola súa banda, o Concello de Santiago, como Administración titular da práctica totalidade das vías polas que discorren as Rutas Xacobeas, comprométese a poñer á disposición os terreos necesarios e a repoñer os servizos urbanos que poidan verse afectados.

 
Arriba