17 abr 2017

Xornalistas e axentes de viaxe irlandeses visitan Galicia para coñecer o Camiño Francés e o Camiño Portugués

 Ao obxecto de difundir o Camiño de Santiago e a cultura xacobea entre a poboación irlandesa, Turismo de Galicia organiza nestes mes de abril dúas viaxes de familiarización para xornalistas e axentes de viaxes irlandeses

O pasado ano, 6537 irlandeses realizaron o Camiño de Santiago, un 17,9% máis que no ano 2015
 
En 2016, aloxáronse no territorio galego 48.000 irlandeses, un 7,3% máis que no mesmo período anterio

 Ao obxecto de difundir o Camiño de Santiago e a cultura xacobea entre a poboación irlandesa, Turismo de Galicia organizou unha viaxe de familiarización no que participaron cinco xornalistas de Irlanda que puideron coñecer o Camiño Francés e o Camiño Portugués a Compostela.

Deste xeito, representantes de The Gazzette Group, de Travel Extra, de Sunday World, de The Irish Examimer e de The Sunday Businees Post, acompañados por persoal de Turismo de Galicia, percorreron tramos emblemáticos destas dúas rutas xacobeas e visitaron as súas contornas máis destacadas.

Así mesmo, na súa estadía tamén puideron coñecer o recentemente oficializado Camiño Portugués da Costa, así como as cidades e boa parte das vilas polas que discorren estas tres vías de peregrinación.

Viaxe para axentes de viaxes

Continuando con este traballo de difusión do Camiño de Santiago e a cultura xacobea entre os irlandeses, Turismo de Galicia, en colaboración coa OET de Dublín, celebrará outra viaxe de familiarización neste mesmo mes para axentes de viaxes irlandeses. Así, un total de cinco representantes dos principais turoperadores de Irlanda, J Barter, Adventure Holidays, Travel Department, Garda Travel Club e Tully's Travel, realizarán o Camiño Portugués do 23 ao 27 de abril.

Peregrinos e turistas irlandeses

No pasado ano, 6537 peregrinos irlandeses recibiron a Compostela, o que supuxo un 17,9% máis que no ano anterior. Polo que respecta á demanda turística, o mercado irlandés é un dos máis importantes. En 2016 Galicia rexistrou preto de 48.000 viaxeiros aloxados e 67.000 noites nos seus establecementos, sendo o hotel e a pensión as modalidades máis demandadas por estes turistas. Estas cifras foron resultado do crecemento experimentado polo mercado irlandés no 2016 que superou nun 7,3% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 16,1% o nivel de pernoitas do 2015.

 
Arriba